Preto de trescentos moteiros procedentes de diferentes comunidades autónomas están xa preinscritos na “XIII Concentración moteira Cidade de Narón”, que comeza este venres na cidade e que se prolongará na xornada do sábado e o domingo.
O Concello e o Moto Club Fojeteiros organizan un ano máis este evento, que reúne en Narón a milleiros de afeccionados ao mundo do motociclismo. A convocatoria coincide coas “VIII Xornadas de Turismo Activo”, que inclúen dúas rutas en moto pola comarca. A cita terá novamente un carácter solidario, coa habilitación dun espazo donde se recollerán tapóns de plástico para a causa “Alba, la promesa”, unha nena cunha lesión cerebral dexenerativa.
As persoas interesadas en inscribirse poderán aínda facelo tanto mañá como o propio sábado en Xuvia, para asistir ás ceas, almorzos e xantar organizados, podendo realizar unha inscrición para os tres días, para o sábado pola tarde ou seleccionando por libre as comidas e ceas ás que desexe acudir.
Xornada do venres
A cita abrirase este venres ás 18.00 horas no paseo marítimo de Xuvia, coa apertura das citadas inscricións e cun Mercadillo moteiro e tamén haberá un simulador de “Caballitos X-Bike”. Ás 21.30 servirase unha cea baixo a carpa instalada na zona do paseo e unha vez rematada, sobre as 22.30, comezarán os concertos dos grupos «Los malditos pendejos», «Black Jack» e «Sintrom ni Son«.
Programación do sábado
A programación do sábado día 2 retomarase ás 9.00 cun almorzo moteiro para, a partir das 10.00 horas abrir de novo as inscricións, o Mercadillo moteiro e o simulador de “Caballitos X-Bike”. Tamén terá lugar durante a mañá unha ruta mototurística pola comarca, que sairá de Xuvia ás 11.15 horas cara ao Castelo de Moeche e que inclúe un xantar que terá lugar na área recreativa de Souto Grande, tamén en Moeche, sobre as 14.00. Unha exhibición de minimotos (DSVK Narón) ás 16.45 e outra de Stunt, a cargo de Paulo Martinho a partir das 17.30 horas en Xuvia –nas inmediacións da escola infantil da Galiña Azul- completarán a programación desta xornada.
Xa pola noite, ás 21.00 horas haberá unha cea na carpa de Xuvia, trala que se entregarán trofeos e, a continuación, sobre as 23.00 horas comezarán a repartirse as antorchas coas que a veciñanza poderá animar a Ruta das Antorchas, que sairá ás 23.30 horas de Xuvia cara á Ponte das Cabras para regresar de novo a Xuvia. Os moteiros percorrerán a estrada de Castela iluminándoa con antorchas. Unha vez no paseo de Xuvia, rematada a ruta, sobre as 00.30 horas, comezará a festa moteira con «Dreamers«.
O domingo
O domingo día 3 rematará a programación cun almorzo moteiro a partir das 10.00 horas ao que seguirá unha segunda ruta mototurística que partirá de Xuvia ás 11.30 ata o Faro de Meirás (Valdoviño) e uns pinchos no local social de Lago (Valdoviño), previos a un xantar que terá lugar baixo a carpa de Xuvia ás 14.30 e un sorteo de agasallos entre os asistentes para pechar a concentración ás 16.00 horas.
O concelleiro de Deportes, Román Romero, convidou á veciñanza de Narón e doutras localidades a desfrutar esta fin de semana en Narón deste evento, “cun completo programa de actividades vencelladas ao deporte, o turismo, a gastronomía e a música a desenvolver en Xuvia e tamén nalgúns casos noutros municipios de Ferrolterra”.