Máis de 800 deportistas participaron ao longo da mañá deste domingo na V Carreira popular Concello de San Sadurniño «Móvete Sansa – Correndo pola Igualdade», unha cita puntuable para o circuíto de carreiras da Deputación da Coruña que se disputou no contorno do paseo fluvial do Xubia. O día axudou a que o evento fose todo un éxito. Non fixo sol nin tampouco frío, condicións ideais para completar os 5 Km. dunha proba doada para calquera con afición a correr, xa que no circuíto practicamente non existen desniveis reseñables entre a saída e a chegada. Houbo carreiras para todas as idades, desde os 70 m. de distancia para a rapazada máis noviña ata eses 5.000 m. que deberon completar desde a categoría Infantil B -2005- até a de Veteráns D -antes de 1958-. Non houbo sorpresas e na proba absoluta a vencedora feminina foi a atleta Paula Mayobre -17’09» e 12ª na xeral- xunto co junior masculino Iván Puentes, quen lle deu a volta ao trazado en 15’56».
A iso das 10.30h., o arboreto de especies autóctonas da Cortiña era un rebumbio de xente recollendo dorsais, facendo estiramentos ou charlando á espera de que se disparase a primeira saída, prevista para as 11.15h. para as categorías Alevín e Infantil A, nas que correron nenas e nenos con idades entre os 8 e os 13 anos. Tiveron que darlle dúas voltas a un circuíto deseñado dentro do propio arboreto -1.000 m.- que o alevín masculino Javier Picos, do Marineda Atlántico, fixo en 3’22», mentres que en feminino o mellor tempo foi o de Alba Pena -3’24»-, do Atletismo Narón.
En Infantil A a gañadora foi a local Irene Galdo -Club Sansa- con 3’56» e en masculino o primeiro posto foi para Juan Lozano, da Escola Paula Mayobre, tras rematar a carreira en 3’25». A finalización desta carreira marcou o chamamento para que todos e todas as atletas que ían disputar a proba absoluta se aproximasen á ponte da Cortiña, onde se atopaban os caixóns de saída para cada banda de idades. Como é habitual, a saída faise a ritmo de paseo, posto que os primeiros 400 metros se neutralizan para evitar incidencias no sendeiro da ribeira do Xubia, demasiado estreito para absorber dunha tacada a cerca de medio milleiro de persoas.
Ese é o motivo de que o crono se sitúe uns metros antes do Mesón A Granxa, xusto onde o carreiro empeza a anchear e onde comeza o esprint para pillar boa posición nas dúas voltas que se dán pola Bidueda collendo por diante de Metalfra, pasando logo por Intasa e volta pola estrada de Ferreira para repetir o círculo antes de enfiar de novo o paseo fluvial e rematar no arboreto. Os tres primeiros en chegar foron -por esta orde- Iván Puentes, Jonathan Fernández e Carlos Bouza. As primeiras mulleres foron Paula Mayobre, Belén Nieto e Begoña Pacio.
A carreira absoluta é, con moito, a que máis tempo leva. Cómpre ter en conta que entre o tempo de Puentes e o da última persoa que chegou houbo arredor de 35 minutos de diferenza. Ese é o motivo de que as carreiras das nenas e nenos máis pequenos comecen pasadas as 12.30h. En todas as edicións da popular ha tres probas: Benxamín, Pitufos e Biberóns, das que só conta con podio a primeira, cun percorrido de 400 m. Gañaron Xabi Camba -1’09»- en masculino e Alba Morales en feminino, chegando tan só un segundo despois que Camba e practicamente empatada co segundo clasificado, Gael Pita.
O resto das carreiras -Pitufos e Biberóns-, nas que houbo unha alta participación de nenas e nenos, botáronse pasada a unha da tarde. No caso da rapazada máis pequena -de entre 3 e 5 anos- foi necesario facer varias tandas para que todas e todos puidesen correr sen demasiado atropelo os 70 metros de distancia cos que se pechou a V Carreira popular Concello de San Sadurniño. Antes da entrega de trofeos, o padriño da proba, o olímpico Alejandro Gómez, fixo unha exhibición de canicross no circuíto.
A popular «Móvete Sansa», puntuable para o circuíto provincial, naceu como un xeito de promover a práctica deportiva en igualdade. Un cometido que este ano se deixou patente facendo que mulleres e homes ocupasen ao mesmo tempo cada chanzo do podio na entrega dos premios para cada categoría.