A Deputación da Coruña brinda ao Concello de Narón a súa colaboración na clausura do “2º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria»

O Auditorio municipal acolleu na mañá deste venres a xornada final do programa do “2º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria Cidade de Narón”. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e Juan Penabad Muras, deputado provincial –integrante da Comisión de Infraestruturas Viarias, Vías e Obras Provinciais e Medio Ambiente-, participaron na convocatoria, coa que rematan dous intensos días nos que recoñecidos profesionais na materia analizaron e compartiron experiencias sobre educación e seguridade viaria.

A programación deste venres abriu ás 10.00 horas, cunha mesa de traballo –a cuarta deste programa- sobre “Smart Mobility: mobilidade en entornos urbanos”. Ao igual que nas tres mesas celebradas ao longo da mañá e na tarde do xoves, unha moderadora, neste caso a arquitecta urbanista Lorena Pardiñas, encargouse de regular as intervencións dos poñentes: Joan Josep Isern, responsable de Planificación e Infraestruturas do Departamento de Interior da Generalitat de Cataluña e exdirector xeral do servizo catalán de Tráfico; Javier Llamazares, economista e director xeral da Fundación Española para a Seguridade Viaria (Fesvial), e Ana Rosa Llorente, xefa do departamento de Planificación do Concello de Madrid. No transcurso desta mesa analizáronse temas como a seguridade viaria laboral ou diferentes aspectos e conceptos relacionados coa mobilidade, pilar básico, tal e como coincidiron en subliñar os poñentes, para a seguridade viaria. Llamazares insistiu na necesidade de “comezar a traballar neste ciclo desde pequenos e continuar facéndoo de adultos” para, a continuación, dar paso a un vídeo sobre a importancia do respecto e a formación nesta materia.

A coordinación do traballo entre administracións, organismos, formadores, lexisladores e cidadáns foi un dos puntos abordados na mesa de traballo desta mañá, donde tamén se fixo especial fincapé na necesaria convivencia entre ciclistas, peatóns e condutores. Rematada a cuarta e última mesa deste Congreso abriuse un foro de debate e, a continuación, un turno de preguntas, nos que se implicaron activamente os asistentes.

Finalmente deu comezo o relatorio de clausura deste evento, no que María Isabel Viruez, axente sociocultural do Concello de Alhama (Granada), abordou a temática de: “Poñer en marcha unha acción dentro do programa Erasmus +”, que unha vez rematado deu paso a outro turno de preguntas. Viruez amosou unha serie de exemplos prácticos e subliñou a importancia das axudas en xeral e das europeas en particular para desenvolver proxectos encamiñados nesta mesma liña.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, entregou aos poñentes uns agasallos institucionais ao remate da mesa de traballo –tamén nas da xornada do xoves- e do relatorio de clausura, agradecendo a colaboración e implicación de tódolos participantes e tamén expresamente tanto á Concellería de Seguridade Viaria, que dirixe o edil Guillermo Sánchez Fojo, como do equipo de Educación Viaria, da Deputación da Coruña, da comunidade educativa e das empresas, clubes e entidades que apoian ano tras ano as múltiples iniciativas impulsadas polo Concello nesta área. Tamén se encargou Ferreiro de entregar un agasallo institucional, a modo de homenaxe, a José Manuel López Marín, vicepresidente da Fundación CNAE, pola súa traxectoria e importante labor no eido da seguridade e educación viarias e a súa contribución co equipo de Educación Viaria do Concello de Narón.

O deputado provincial Juan Penabad –alcalde de Ortigueira- foi o encargado de pechar o “2º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria Cidade de Narón”. Penabad desculpou a ausencia, por motivos de axenda, de Valentín González Formoso, presidente da administración provincial, e transmitíu a satisfacción do equipo da Deputación “por poder colaborar co Concello na organización deste Congreso”. “Narón segue sendo un referente a nivel galego, froito dun traballo persistente e comprometido que acreditan numerosos recoñecementos”, destacou Penabad. O deputado provincial agradeceu expresamente o traballo do equipo de Educación Viaria do Concello, e o das diferentes corporacións e alcaldías do municipio, así como o do conxunto da poboación implicada con estas materias. “Desde a Deputación seguiremos implicados en apoiar este tipo de iniciativas e sumando coñecementos”, asegurou, para a continuación dirixirse á alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e ofrecerlle o apoio da administración provincial. “Marián, sodes imprescindibles, pide o que precises”, indicou Penabad.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …