Celebración do 2º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria Cidade de Narón»

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Luis Menor, inauguraron oficialmente na mañá desde xoves o “2º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria Cidade de Naró. O Auditorio municipal acolle esta cita estexoves e a  mañá de venres e sobre a mesma Ferreiro destacou o feito de que Narón “é na actualidade un referente en educación e seguridade viaria”, aludindo ao “longo e duro traballo” realizado desde hai máis dunha década nestas áreas. A alcaldesa da cidade aludiu a iniciativas como os Circuítos de Educación Viaria, as Marchas Ciclistas Escolares, o programa Camiño Escolar Seguir, as Olimpíadas de Educación Viaria, e tamén aos recoñecementos obtidos a nivel nacional en materia de Seguridade Viaria.

“Este Congreso é xa un referente tanto a escala galega como estatal e amosa que o compromiso do noso Concello con este tema está máis vivo que nunca”, subliñou Marián Ferreiro. Recordou que a vindeira semana se celebrarán multitude de actos na cidade con motivo da Semana da Mobilidade e Educación Viaria e agradeceu o traballo realizado polo persoal e as empresas e clubes implicados en todas estas actividades. Tras valorar a redución nun 13% do número de accidentes na cidade no último ano, Marián Ferreiro rematou a súa intervención destacando a “aposta estratéxica de Narón pola educación e a seguridade viarias”.

O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Luis Menor, falou a continuación sobre o traballo da Academia Galega de Seguridade en materia de formación. “Vir a Narón é falar de cooperación e implicación en moitas cuestións comúns, e por isto mesmo estou hoxe satisfeito”, asegurou. Menor destacou a “enorme implicación deste Concello en Educación e Seguridade Viaria e os recoñecementos obtidos polo seu traballo”, ao tempo que tendeu a man ao municipio para que “teña un papel destacado, porque os méritos están á vista, nun grupo de traballo sobre Educación e Seguridade Viaria”.

 Luis Menor, destacou a importancia da formación e sensibilización en materia de educación viaria e apostou por crear un grupo de traballo, no seo da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), que permita aos concellos intercambiar experiencias e boas prácticas para seguir avanzando neste eido.

Lembrou que a AGASP tamén inclúe na súa formación esta materia. É máis, desde o ano pasado, cando se instauraron os itinerarios formativos, o primeiro que se puxo en marcha foi o relacionado co tráfico e a seguridade viaria. Dentro do mesmo, inclúense cursos de monitor de educación viaria, ou de proxectos e programas de concienciación social en tráfico e seguridade.

Ademais, recordou que esta materia é tamén capital na formación dos policías locais. Por iso, nos cursos selectivos para ocupar estes postos, a materia de tráfico ocupa o primeiro lugar en canto a horas lectivas.

Tras unha pequena pausa, retomouse a programación coa intervención do Fiscal de sala e coordinador de Seguridade Viaria da Fiscalía Xeral do Estado, Bartolomé Vargas, que agradeceu e valorou a implicación de Narón nesta materia. O papel das redes sociais, a cultura sobre educación, e a redución das vítimas nas estradas entre 2016 e 2017, que pasou de 1.810 a 1.200, según apuntou, foron algúns dos temas abordados por Vargas. O fiscal incidiu en que “diminúen, pero non son cifras, son seres humáns que perderon a vida, co impacto que supón para as súas familias, amigos…”. O fiscal comentou que “o noso país avanza e a clave está na educación nos colexios” e recoñeceu o esforzo do Concello organizando este Congreso porque, subliñou, “este é un paso moi importante na Seguridade Viaria en Galicia”.

Mesas de traballo

A primeira das mesas, sobre “Novas Tecnoloxías aplicadas á seguridade viaria”, estivo moderada polo secretario xeral do Concello de Narón, Alfonso de Prado e na mesma interviñeron o fiscal Bartolomé Vargas; o coordinador do Grupo de Investigación Facthum-lab, José Ignacio Lijarcio; o responsable de departamento ADAS/AD e Embedded Sw. no CTAG, Jose Luis Díez, e o responsable de Mobilidade e Educación Viaria de Fesvial, Fernando Minaya.

Pola tarde celebráronse dúas novas mesas de traballo, unha sobre “O Camiño cara a unha nova educación viaria”, a partir das 16.00 horas, e outra sobre “Permiso de condución: dereito e responsabilidade”, desde as 18.30. A primeira estivo moderada polo profesor de Secundaria Constantino Fuentes e participarán como relatores José Ignacio Bermúdez, asesor psicólogo do Centro Superior de Educación Viaria da DXT; Antonio García, xefe da área Nacional de Acción Social de Fundación Mapfre; Mar Cogollos, presidenta de Aesleme, e Pedro Caneiro, do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón. Na segunda mesa da tarde, que foi moderará polo médico Carlos Piñeiro, interviron José Miguel Báez, presidente da Fundación CNAE; Francisco Javier Molano, tenente Coronel da Garda Civil e xefe do sector de Tráfico de Galicia, e Pere Navarro, enxeñeiro industrial e exdirector da DXT.

Este venres  xornada de clausura

Na última xornada deste Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria Cidade de Narón, que terá lugar este venres, a programación retomarase ás 10.00 horas, coa cuarta mesa de traballo, sobre “Smart Mobility: mobilidade en entornos urbanos”. A arquitecta urbanista Lorena Pardiñas será a encargada de moderar a mesa, na que intervirán como relatores Joan Josep Isern, responsable de Planificación e Infraestruturas do Departamento de Interior da Generalitat de Cataluña e exdirector xeral do servizo catalán de Tráfico; Javier Llamazares, economista e director xeral da Fundación Española para a Seguridade Viaria (Fesvial), e Ana Rosa Llorente, xefa do departamento de Planificación do Concello de Madrid. Entre as 11.00 e as 11.30 horas haberá un foro de debate e ao rematar abrirase un turno de preguntas previo a unha pausa.

Ás 12.10 horas comezará o relatorio de clausura, a cargo de María Isabel Viruez, axente sociocultural do Concello de Alhama (Granada), que falará sobre “Poñer en marcha unha acción dentro do programa Erasmus +”. Ao remate abrirase un turno de preguntas e sobre as 13.10 horas está prevista a clausura do Congreso.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …