O Concello de Ferrol tomaba parte ao mediodía deste venres na xuntanza anual convocada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, xunto con outros 10 concellos da contorna para abordar a prórroga tácita do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol.
Un plan, que como xa ven manifestando dende o goberno ferrolán, está a resultar pouco eficiente na xestión das liñas e concesións e vaise prorrogando ano tras ano sen que se subsanen as moitas eivas no necesario axuste dos servizos, horarios, rutas e paradas a demanda real, que argumentamos en distintos escritos de achegas e alegacións na procura da súa mellora.
O Concello, representado pola concelleira de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, María Fernández Lemos, trasladou diretamente a conselleira, Ethel Vázquez, a información recabada polo Executivo local sobre as carencia do transporte metropolitano en xeral, i en particular, no transporte a demanda e integrado.
Esta recompilación é froito do traballo de campo coas entidades veciñais e cos propios usuarios en aras de acadar o mellor servizo posible e que xa foran remitidas a Consellería ate en seis ocasións desde o pasado mes de setembro, todas elas sen resposta.
“Foi unha xuntanza bronca e tensa, na que nos atopamos con que a Xunta da conta dun informe baseados en datos sesgados e que non tiveron a ben achegar previamente aos representantes dos concellos que formamos parte deste Plan”, manifestou a concelleira, que solicitou na reunión que a referida documentación se remita ao Concello de Ferrol para pode estudalos ao detalle.
A celebrada este venres é a única xuntanza anual do Plan de Transporte Metropolitano (PTM) que se convoca a efectos de trámite e que é froito da necesidade dos usuarios dos distintos concellos de pertencer, como é lóxico, a un plan de transporte conxunto na procura de mellores servizos públicos para todos.
“Cómpre sinalar que a a xestión por parte de Ferrol do transporte público é unha meta deste goberno que choca coa realidade física do territorio, xa que das 21 lineas de transporte que abrangue unicamente 6 pertencen exclusivamente ó concello de Ferrol, xa que as 11 de transporte integrado teñen que ser conveniadas coa Consellería de Educación”, manifestou Lemos.
“Non lembro que a Xunta reclamase ao Concello de Ferrol a súa obriga, se así fose, de prestar un plan de transporte urbano aos Gobernos anteriores cando a cidade supera amplamente os 50.000 habitantes desde hai moitos anos”, apuntou a concelleira.
Lemos amosou o seu malestar polo feito de que ningunha das peticións de xuntanza que desde a Concellería de Urbanismo se cursaron desde xuño do 2017, obtivese resposta do Goberno galego e lembraba que, este último ano, remitíronse por escrito a través de distintas canles, varias solicitudes de xuntanzas coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta para abordar e acordar, antes da cita de hoxe, un posible modelo de xestión municipal pública do transporte urbano. Petición que nunca obtiveron resposta.
“Hoxe pedíronnos publicamente unha xuntanza logo de que non deron resposta as nosas peticións de entrevista, achega de alegacións, correos, e entradas de rexistro. Penso que é bastante ilustrativo do trato e do proceder desta DX con respecto a este Concello e non amosa, pola vía dos feitos, unha vontade de negociar, cooperar e mellorar que agardamos, poida reverterse nunha xuntanza próxima”, concluíu.