O Foro Ferrol Vivo quere amosar a súa preocupación e malestar polas noticias dadas a coñecer estes últimos días sobre a aposta da Xunta á candidatura a Patrimonio Mundial da candidatura de Illas Atlánticas, deixando de lado a de Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración. Malia recoñecer que este apoio por parte do goberno autonómico xa se viña percibindo con diversas declaracións públicas por parte dos responsables galegos e, dun xeito máis evidente, coa promoción –xunto coa Ribeira Sacra- na feira internacional de turismo de Madrid, Fitur, a recente inclusión de Illas Atlánticas na lista indicativa da Unesco vén confirmalo.
Para o FFV, é un “despropósito” que a Xunta “venda” a inclusión da candidatura de Illas Atlánticas como un fito único, cando a de Ferrol leva formando parte desta Lista Indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco dende o ano 2006 –isto significa que estamos, dende hai case doce anos, nese listado que considera que o trazado da Magdalena, os Arsenais militar e civil da Cabana, as defensas da ría e o seu porto natural teñen o valor requerido para estar no cume dos bens patrimoniais do mundo-. Ademais, lembrou o documento asinado o pasado mes de xaneiro por parte dos que foran alcaldes dende o inicio do expediente –en decembro de 2000-, entre eles dous rexedores do PP, no que amosaron o seu apoio á candidatura ferrolá. “E non sí iso, senón que un deles, o actual conselleiro Rey Varela, anunciou en público o apoio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, á proposta ferrolá”, subliñou a representante do Foro.
Esta plataforma cidadá, a través da súa voceira, Eva Martínez, lamenta que a Xunta teña decidido comezar coa promoción “oficial” da candidatura pontevedresa, “cando aquí levamos doce anos na Lista Indicativa da Unesco e o expediente xa está rematado e, segundo as informacións municipais, entregado á Dirección Xeral de Patrimonio”. A este respecto, dende o Foro Ferrol Vivo fixeron un chamamento ao Concello a “poñerse as pilas” e actuar ante o que consideran que pode ser “un novo agravio á nosa cidade”, ao tempo que lle urxen a creación do órgano de xestión da candidatura, organismo fundamental para poder optar con todas as garantías a Patrimonio Mundial. Tamén reclaman que primen as cuestións técnicas a políticas ou electorais na decisión final sobre a candidatura a presentar, ao tempo que preguntan aos responsables galegos pola proposta que cren que ten máis opcións e as “razóns concretas”.
“A cidadanía non podemos consentir que, unha vez máis, esta candidatura, que suporía un revulsivo importante para a recuperación dunha cidade que o necesita máis que calquera outra, quede nun caixón”, manifestou Martínez, que apostou por continuar “agora con más forza que nunca” co apoio e difusión social de Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración. “A cidade debe reclamar o que merece neste tema, amosando un consenso que obrigue ás administracións a apoiar a nosa proposta”, engadiu.
De feito, mañá sábado o Foro Ferrol Vivo seguirá coa campaña de recollida de sinaturas de apoio á candidatura. Así, pola mañá estará na estrada de Castela e pola tarde en Parque Ferrol. A este respecto, hay que lembrar que a campaña comezou o mesmo día da celebración da histórica Mesa de Alcaldes cunha recollida que se saldou con máis de 150 ahesións, tanto de particulares como de asociacións de todo tipo. Dende entón, teñen sido diversas as entidades que solicitaron papeis de sinaturas ao FFV e que están a recoller nas súas respectivas sedes. O Centro Comercial Aberto A Magdalena –con establecementos participando na campaña-, a Fundación Abanca –no seu centro da praza da Constitución-, a Sociedade Galega de Historia Natural –no Museo da antiga Casa do Coronel, en Canido- as AAVV da Magdalena ou Serantes, así como a propia Federación, o Ateneo Ferrolán –na súa sede da rúa Magdalena- ou a Diócese son algúns exemplos de colaboradores desta iniciativa que persegue acadar o máximo número de apoios posibles.
Este mes, ademais, presentarse unha nova iniciativa, dirixida neste caso aos nenos e nenas da cidade.