Esta fin de semana no Pazo da Cultura de Narón, concerto tributo a Queen e monicreques

O Pazo da Cultura de Narón acollerá esta fin de semana un concerto de tributo á banda británica de rock Queen –o sábado 17- e unha sesión de monicreques, Pum, pum! –o domingo 18-.

Homenaxe a Queen

A primeira das citas culturais estará polo tanto relacionada coa música, cun espectáculo en homenaxe ao cantante da citada banda, Freddie Mercury, tras máis de dúas décadas da súa ausencia. A xira deste tributo consta de máis de 800 shows en vivo e puido verse nunha vintena de países. As persoas que desexen asistir a este tributo a Queen, que dará comezo ás 22.00 horas, poden adquirir as entradas na billeteira do Pazo da Cultura, a un prezo de 20 euros no patio de butacas e de 18 nos anfiteatros en venda anticipada, ou de 24 e 22 euros respectivamente o propio día da actuación.

Espectáculo infantil

Na xornada do domingo 18 será o turno dun novo espectáculo para público familiar e infantil, neste caso a cargo da compañía Baobab Teatro, que representará Pum, pum! Neste caso a actuación será a partir das 18.00 horas e na mesma iranse contando unha serie de historias cotiás características de certas idades dos nenos e nenas. A obra aposta por transmitir aos menores unha mensaxe moi clara: que ninguén pode obrigalos a facer cousas que non queren. O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público xeral; 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e de 5,50 para menores de 14 anos.

 

Lea también

Gran brillantez en los actos celebrados por la Armada en Ferrol en honor a su Patrona la Virgen del Carmen

(P. S.-gráficas Galicia Ártabra)-La Armada conmemoró este martes, día 16, la festividad de su Patrona, …