O servizo de oftalmoloxía do CHUF participou na 44 Reunión da Sociedade Galega de Oftalmoloxía

O Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol participou activamente na 44 Reunión da Sociedade Galega de Oftalmoloxía, que se celebraba hai uns días en Ourense, e no que profesionais desta especialidade afondaban nas novidades terapéuticas e de tratamento. Cinco especialistas en Oftalmoloxía da área ferrolá implicáronse en dous relatorios e tres comunicacións libres.

Begoña de Domingo, ademais de como moderadora, participou como relatora nunha mesa sobre Actualización en Medicina rexenerativa da superficie ocular, referíndose ós Derivados Hematolóxicos. Dolores Álvarez expuxo, na Mesa sobre Protocolos en Cirurxía de Cataratas, aspectos relativos ó preoperatorio e postoperatorio da cirurxía de catarata. Elena Casas presentou a comunicación libre, O que a dipoplia agocha; Elena González, a comunicación libre, Queren os pacientes con patoloxías crónicas da retina seguir a tratarse?; e Sara Rubio a comunicación sobre a Endoftalmitis, e agora que?

Begoña de Domingo falou das actualizacións con respecto ó tratamento con derivados hematolóxicos, colirios obtidos a partir de sangue do paciente. Pola súa banda, a oftalmólogoa, Dolores Álvarez, responsable do Servizo de Oftalmoloxía, participou nunha Mesa Redonda xunto con profesionais doutros centros hospitalarios para falar dos protocolos que existen a nivel galego sobre a cirurxía de catarata, unha posta en común do que se fai en cada un dos ámbitos. A cirurxía de catarata é a cirurxía oftalmolóxica máis frecuente. Ocupa o 60% da actividade. Na área sanitaria ferrolá, realizáronse máis de 1.600 procesos de cirurxía de catarata durante o pasado ano 2017.

Xunto con estes relatorios, a oftalmóloga Elena Casas presentou en comunicación un traballo realizado sobre as diferentes patoloxías causantes da visión dobre ou dipoplia. Realizou un estudo retrospectivo a 30 pacientes que entraron en Urxencias, nos anos 2016 e 2017 con visión dobre. Quería demostrar o importancia de facer unha correcta historia clínica (anamnese) nestes casos. Dos trinta casos abordados, o 66% son verdadeiras dipoplias e a súa orixe máis frecuente radica nun proceso isquémico, o 47,7% delas, seguida da orixe tumoral, nun 21%. En xeral, a causa máis habitual é unha parálise illada dos nervios oculomotores. Conclúe que “un paciente con dipoplia é un reto para o oftalmólogo, e que habitualmente requirirá unha abordaxe multidisciplinar. Débese realizar unha historia clínica coidadosa e completa”, remata. A Sociedade Galega de Oftalmoloxía invitou tamén a esta profesional a presentar un vídeo dun caso clínico relacionado con complicacións con Lente intraocular, e como se resolveu, que xa se presentara no encontro da Sociedade Europea de Cirurxía refractiva, en Lisboa.

Pola súa banda, Elena González amosou o estudo realizado co obxectivo de valorar o grao de satisfacción e a melloría da calidade de vida dos pacientes tratados con inxeccións intravítreas (no vítreo do ollo) para tratar enfermidades crónicas da retina. Estudaron 18 pacientes con este tratamentos, e concluíron que “a gran maioría dos pacientes tratados están satisfeitos co tratamento recibido e ven necesario mantelo, se os médicos así o requiren”. Por último, Sara Rubio valorou a o uso dun tratamento antibiótico por vía oral para a inflamación das membranas internas do ollo (endoftalmitis), estudando especificamente a 15 pacientes, e considerándoo “unha boa alternativa terapéutica”.

Lea también

Sabores de outono, cita gastronómica con premio en el barrio ferrolano de Ultramar

  Este fin de semana tendrá lugar en el barrio de Ultramar la primera edición …