O programa municipal Camiño Escolar Seguro iniciouse este venres no CEIP Ponte de Xuvia. Trátase do segundo colexio da cidade en implantar esta iniciativa, que aposta por fomentar que as nenas e nenos vaian a pé cara ao centro escolar, en bici ou en patinete. Esta práctiva lévase a cabo no CEIP Piñeiros desde mediados do pasado ano. Este venres 171 alumnas e alumnos de Primaria do Ponte de Xuvia, do total de 197, paráronse nalgún dos dous puntos de control instalados no centro para rexistrar a súa chegada.
O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, desprazouse pola mañá ao colexio con motivo do inicio da súa posta en marcha, comprobando que a xornada transcurriu con total normalidade. «O masivo respaldo ao programa Camiño Escolar Seguro constata o éxito desta proposta municipal, impulsada a través do equipo de Educación Viaria do Concello e á que se suma a práctica totalidade do alumnado dos centros nos que se vai implantando, co que para nós é toda unha satisfacción ver a colaboración tanto da comunidade educativa como das familias”, subliñou Sánchez Fojo.
Os menores camiñan polas rutas preestablecidas ata o centro, que no caso do CEIP Ponte de Xuvia son: en dirección Ferrol a Xuvia desde a rotonda de Megasa (na estrada de Castela) ata o centro, e pola outra marxe do vial desde a Praza de San Roque ata o colexio. “Esta mesma andaina será a que realicen os escolares do colexio Jorge Juan que a partir do vindeiro luns, día 29, poderán participar neste programa”, avanzou Sánchez Fojo.
A Asociación de Comerciantes de Narón colabora tamén nesta proposta. Ao longo dos Camiños Escolares Seguros atópanse varias “tendas amigas”, que respaldan a seguridade de cada itinerario e ofrecen colaboración ás nenas e nenos. Unha vez que chegan ao colexio os menores rexistran a chegada no punto de control e automaticamente os seus pais e nais reciben unha mensaxe no seu teléfono móbil informándoos da hora exacta na que “ficharon” no centro. Por cada día que realicen esta rutina recibirán unha “pegada”, que a modo de punto se poderá canxear por descontos ou agasallos en establecementos colaboradores –o listado pódese consultar a través do enlace: http://www.comerciodenaron.es/paxinas/pegadas.php. Entradas para espectáculos no Pazo da Cultura, mochilas, material de papelería, xoguetes, calzado ou gafas de sol forman parte dos agasallos aos que optan os escolares.
Sánchez Fojo destacou a colaboración das concellerías implicadas nesta proposta, ademáis da de Seguridade Cidadá as de Cultura, Ensino e Novas Tecnoloxías e explicou que “o sistema de control de chegada complementa o programa Bica e Arrinca, que tamén funciona con éxito en varios colexios da cidade e que pretende evitar a presencia masiva e continuada de vehículos ás portas dos centros educativos á hora da entrada dos menores, co conseguinte perigo que pode supoñer”. O edil agradeceu a axuda de tódalas persoas que colaboran e, en especial, da comunidade educativa, e avanzou que “nos vindeiros meses continuaremos traballando para que este tipo de iniciativas a prol da seguridade se implanten en máis colexios da nosa cidade”