A parroquia de Ferreira é a máis madrugadora do ano en canto á celebración de festas patronais. Este sábado honrará ao San Vicente despois de nove anos da última tentativa, cando o ciclón Klaus obrigou a suspender as celebracións. Desta vez semella que o tempo vai ser algo máis propicio, aínda que Meteogalicia tampouco é que dea unha xornada de sol radiante. É igual, Ferreira de Abaixo volverá ter festa do santo combinada co tributo gastronómico ao lisco. O lugar do evento é a pista lateral do local social da Seara debaixo dunha grande carpa.
A tradición, que sempre ten algo ou todo de verdade, fala de que San Vicente tiña a súa morada no alto do pico que leva o seu nome. De feito, alí aínda se conserva a súa «cama», un sartego antropomorfo cavado na rocha que debeu formar parte dun templo agora desaparecido que, á súa vez, estaría asentado nun lugar de culto precristián. Ata non hai moito o Pico de San Vicente ou Pico de Ferreira foi sitio de tradicións sanadoras e de rituais de orixe incerta, tanto para persoas como para animais.
A cousa é que o santo se encontra desde tempo inmemorial na igrexa de Ferreira de Abaixo, a de San Paio, amarrado por unha firme cadea. Esa foi a solución adoptada pola veciñanza para quitarlle a Vicente o costume que tiña de fuxir ao pico todas as noites. Cansos de tanta romaxe para arriba e para abaixo dedidiron atalo e acabouse o problema… aínda que a cadea tamén pode ser un dos símbolos cos que se identifica na iconografía cristiá a imaxe do mártir quen, igual que outros santos e santas, padeceu mil e un tormentos por causa da súa fe, incluso que o tirasen nas augas do Turia despois de morto amarrado á pedra dun muíño.
Feita esta aclaración historico-tradicional, agora toca falar da festa. Ferreira de Abaixo tenlle lei ao seu patrón, San Paio, pero tamén a San Vicente, que ten o seu día no 22 de xaneiro. A última vez que a parroquia ordenou de facerlle festa veu o Klaus e houbo que suspendela. Van aló 9 anos e, agora si, parece que Vicente vai ter festa con sesión vermú, verbena e todo.
Celebrarase este sábado ao carón do local social da Seara baixo unha carpa onde actuará despois da misa a orquestra Brujas. Ademais, nesta ocasión a comisión arrimoulle á festa un evento gastronómico que lle rende tributo ao lisco. A partir das 20.00h. serviranse de balde os torresmos acompañados de pan e coa bebida á parte. Será unha maneira de cargarse de forza para a verbena posterior, animada tamén por Brujas coa actuación de Nina.