A artista mugardesa Noemí Lorenzo leva as súas estampacións a San Sadurniño

Noemí Lorenzo – Concello de San Sadurniño

Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, protagonista de ducias de exposicións e recentemente premiada na XI Bienal de Florencia de 2017. Esa é parte da bagaxe artística de Noemí Lorenzo, unha creadora mugardesa que ata o 2 de febreiro mostrará unha escolma da súa obra na galería da Casa do Concello. Son case unha trintena de cadros de distintos tamaños, materiais e técnicas, unidas en todos os casos polo nexo común da estampación. Nelas achega unha mirada en constante evolución que comezou buscando o dominio da composición e que, pouco a pouco, vai abríndose a outras formas de expresión gráfica.

Tal e como comenta Lorenzo, na galería da Casa do Concello pode verse «de todo un pouco», con exemplos de xilografía -estampación a partir de madeira-, litografía -o negativo é unha pedra tratada cun procedemento químico-, serigrafía -as tintas transfírense separadas a través de mallas moi tupidas- e mesmo gofrados, que consisten en darlle relevo ao papel para que teña partes cunha textura tridimensional. «En xeral é obra gráfica e incluso hai pezas que están pintadas que son as matrices das outras, é dicir, aproveitei a madeira unha vez tallada para facer o cadro a posteriori«, explica a artista.

En canto ao contido das pezas, Noemí Lorenzo establece dúas partes ben claras: «Son obras de diferentes épocas. Hai unhas series que son máis visuais e abstractas na imaxe, son formas intentando compor o equilibrio. E logo hai unha serie que se chama Chocolat Nation que está traballada con xilografía e pó de cacao a partir de fotografías captadas no entroido de Notting Hill dunha comparsa que levaba o mesmo nome. Toda a rúa ulía a chocolate e intentei traer á obra ese aroma«.

A artista nacida no Seixo, en Mugardos, decántase pola xilografía por serlle «máis doada e accesible que a litografía«, aínda que, segundo asegura, nestes momentos tamén está adentrándose no mundo da serigrafía, adaptando a cada técnica o seu xeito de ver o mundo con formas xeométricas e humanas desprovistas de todo adobíos innecesarios.

Unha visión que en 2017 levou o terceiro premio no apartado de performance na XI Bienal de Florencia. Chegar ata alí non foi doado. Ao desembolso económico que supuxo participar na mostra houbo que sumarlle o feito de ter que destacar entre case medio milleiro de artistas de todo o mundo. «Seleccionáronme, pero é complicado«, comenta Lorenzo. Presentou unha obra de estampación manual de 2×2,5 metros onde a frase «Eu madrugo para ser inútil durante máis tempo» se repetía constantemente «como eses castigos que nos poñían de pequenos… ou como eses rezos de rosario e mantras doutras relixións«.

Sobre a situación da arte na actualidade, Noemí Lorenzo di que a nova creación galega debe facer «un esforzo moi grande, dando pasos pequeniños día a día» para darse a coñecer. «Hai que seguir traballando porque temos moita canteira e temos que sacala adiante«, utilizando para iso espazos como do da galería da Casa do Concello, onde os novos valores teñen a oportunidade de expoñer de balde.

As obras de Lorenzo poderán admirarse ata o 2 de febreiro. Como é habitual, en horario de 8.30 a 14.30h. de luns a venres.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …