Na mañá de hoxe, a voceira socialista Beatriz Sestayo, denunciou na Comisión de Medio Ambiente do Concello de Ferrol, o deixamento que se está a producir no Refuxio de Animais de Mougá por parte do goberno municipal de Ferrol.
“Levamos meses reclamando que a páxina web do Refuxio se actualice dunha maneira periódica e frecuente, para que a xente interesada na adopción dalgún animal, poida saber o estado real dos mesmos de cara a levar a cabo dita adopción”, afirmou a concelleira.
Así mesmo a voceira socialista instou a mellorar e cumprir os horarios que se anuncian na páxina web pois, entre outros anuncios, figuraba o sábado como posible (previa cita), mentres no Refuxio informan a xente que iso non é posible.
A voceira socialista remarca “tampouco se pode permitir que o Refuxio permaneza pechado os sábados, xa que é un día especialmente bo para que as persoas interesadas se poidan achegar ás instalacións e poder ver aos animais “in situ”.
Os socialistas instan a cumprir o Prego do Refuxio, en prol da mellorar do benestar animal, así como de favorecer a adopción de mascotas, “Non pode ser que tendo unha concellería como é a de Benestar Animal non se teña a suficiente sensibilidade para levar a cabo unha cousa tan sinxela como esta, a cal, sen dúbida, redundaría nunha notable melloría nos animais ao facilitar a súa adopción e por tanto tamén beneficiaría á atención do Refuxio, xa que é obvio que cantos menos animais haxa mellor poderán estar atendidos”, dixo a voceira socialista.
Finalmente os socialistas lembran a necesidade de concienciar á cidadanía sobre a responsabilidade da adopción, sinaladamente nestas datas.