O Concello de Cabanas vén de concluír as obras de construción dun porche cuberto no exterior do Punto de Atención á Infancia (PAI) das Viñas. Un servizo municipal para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral ó que acoden a diario 20 nenos e nenas de cero a tres anos. O alcalde, Germán Castrillón, explica que esta actuación facilitará as actividades ó aire libre dos máis pequenos, xa que se dota ó centro dunha zona exterior cuberta para resgardarse nos días de choiva, pero tamén nos máis calurosos, ó crear unha zona de sombra.
A cuberta consta dunha estrutura de madeira tratada para exteriores, con acabado en chapa de aceiro prelacada en cores e zonas translúcidas con cobertura en panel de policarbonato.
A intervención foi posible grazas á colaboración económica da Consellería de Política Social, que deu o visto bo ó proxecto, aprobando unha achega de 32.000 euros. Esta subvención tamén permitiu dotar de novos xogos a zona exterior, ampliar o equipamento na zona do comedor e optimizar o almacenaxe. Así, procedeuse á instalación de maleteiros no interior dos armarios da zona de sesta e de armarios modulares na zona de comedor; adquiríronse correpasillos, xogos, e diverso equipamento didáctico e pedagóxico para idades de cero a tres anos. No exterior, instalouse un xogo modular e un areeiro rechapado en madeira de pino, entre outras melloras.