O portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón, Pablo Villamar, mantivo na mañá deste mércores unha reunión de traballo co responsábel de Accesibilidade da Asociación Grupo de Diversidade Funcional de Ferrol e Comarcas, José Díaz, para abordar algunhas cuestións relacionadas coa accesibilidade e mobilidade urbana.
Despois do encontro, visitaron o barrio da Gándara, onde recentemente se acometeron unha serie de obras dirixidas a mellorar a accesibilidade e a eliminar boa parte das barreiras arquitectónicas –nomeadamente pasos de peóns na contorna da praza e rúas adxacentes- que dificultaban o tránsito das persoas con mobilidade reducida.
No decurso da xuntanza, o portavoz municipal do BNG informou das diferentes actuacións que xa están executadas, orzamentadas ou previstas nun futuro inmediato relacionadas coa mobilidade, co propósito de emular, na medida do posíbel e tendo en conta as diferenzas entre ámbalas dúas cidades, un modelo de éxito recoñecido mundialmente como é o de Pontevedra. Así, lembrou a reserva de máis de 1,1 millóns de euros nos dous últimos anos para acometer ou proxectar máis dunha ducia de intervencións, como o arranxo de beirarrúas en Catro Camiños; a mellora da accesibilidade en varios centros municipais (rúa Foro, rúa Río Sil etc) e en diferentes puntos do barrio da Gándara e reforma dos pasos de peóns nas rúas Vigo e Pintor Sotomayor; a habilitación dun aseo para persoas con mobilidade reducida no local social de Freixeiro e a adaptación dos accesos aos de Piñeiros, O Couto e San Mateo, entre outras.
Ademais, Villamar deu conta de proxectos máis ambiciosos desde o punto de vista da mobilidade, como a reforma e acondicionamento da Praza do Colexio de Xuvia, a hablitación dun aparcadoiro nese mesmo barrio ou a dotación dunha importante partida económica que se vai investir nas Vivendas da Mariña.
Nese sentido, o portavoz nacionalista sinalou que, ademais das necesarias e urxentes intervencións para suprimir as barreiras arquitectónicas, cómpre avanzar cara a un modelo de mobilidade no que o peón vaia recuperando o espazo que foi perdendo en detrimento do transporte privado.