A corporación e o persoal municipal de San Sadurniño únense á campaña «En negro contra as violencias»

San Sadurniño En Negro – Concello de San Sadurniño

San Sadurniño participa xunto con outros 74 concellos e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra na campaña de sensibilización «En negro contra as violencias», coa que se tenta espallar na sociedade o rexeitamento das violencias de todo tipo que sufrimos as mulleres polo feito de sermos mulleres. A primeira hora desta mañá reuníronse nos xardíns municipais boa parte do persoal municipal e representantes dos tres grupos políticos para reivindicaren espazos libres de violencia, do control tóxico, do patriarcado e de todo o que signifique a opresión feminina. Unha mensaxe que lanzaron en negro, como a campaña, vestindo camisetas e portando carteis cunha pequena mostra dos milleiros de lemas que se poderían empregar.

A última estatística oficial publicada polo Ministerio de Sanidade, Servizos sociais e Igualdade revela a fría e dura cifra de que ata o 10 de novembro deste ano morreran no Estado 44 mulleres a mans das súas parellas ou exparellas. En 9 casos houbera denuncia previa do maltrato e en 5 había medidas de protección en vigor que foron quebrantadas polos asasinos. Outro dato: 23 menores quedaron orfos e orfas por causa da violencia de xénero no que levamos de 2017. E a cifra segue aumentando máis rápido que os informes publicados.

A Lei galega 11/2007 do 27 de xullo define a violencia de xénero como «calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada».

A discriminación das mulleres e a violencia de xénero (como a manifestación máis brutal das desigualdades entre homes e mulleres) é un problema que traspasa fronteiras e que está presente na maior parte dos países do mundo coa particularidade de que as vivencias do maltrato son enormemente parecidas en todos os lugares e culturas.

Neste sentido, desde 1999 a ONU marcou o 25 de novembro como o día no que se reivindica o compromiso social contra a violencia machista. Un compromiso que debe ser diario, sostido no tempo, na procura de que a propia sociedade adquira conciencia de que ten un problema de primeira orde que se debe erradicar, en primeiro lugar, alcanzando igualdade plena e real de dereitos para a muller.

Dentro das accións anuais a prol da igualdade -definidas na súa maioría no Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes- San Sadurniño tamén se une á celebración do 25-N cunha programación específica, encadrada desde este 2017 na campaña «En negro contra as violencias». Nela participan 75 municipios galegos, as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra e máis de 4.000 empresas e establecementos comerciais, que exhiben as pegatinas e a bandeira negra do seu compromiso coa eliminación da violencia de xénero.

A campaña pretende que a concienciación social se faga de agora en diante de forma unitaria en todos os municipios participantes. Para iso hai deseñado material específico e tamén estratexias conxuntas de comunicación a través das redes.

Neste sentido, desde o Concello convídase á veciñanza a que se comprometa coa loita de varias maneiras. A primeira delas é ofrecéndolle apoio e acompañando ás mulleres vítimas á hora de rachar coa súa situación, a segunda -e tamén importante- denunciando calquera caso do que se teña constancia e, en terceiro lugar, rexeitando publicamente a violencia machista. A elas tamén se debe sumar a educación en igualdade na infancia e na adolescencia para desterrar condutas que, á larga, poden desembocar en situacións de maltrato.

Un rexeitamento ao que se lle pode dar visibilidade nos próximos días pendurando en fiestras e balcóns as bandeiras deseñadas dentro da campaña «En negro contra as violencias». Estas bandeiras poden recollerse no Concello xunto con pegatinas para cristais e escaparates. De feito, nos últimos días a practica totalidade dos establecementos comerciais e hostaleiros do territorio puxeron ben á vista a enseña que esta mañá tamén ergueron ben alto o persoal do Concello e os tres grupos municipais con representación no pleno. Ademais, toda a comunicación municipal en redes sociais está facéndose baixo os hashtags #GaliciaEnNegro, #ContraAsViolencias e #EnNegroContraAsViolencias.

Lea también

O Novembro, mes do humor continúa co espectáculo Eran elas de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolle este venres 22 de novembro, a …