O BNG pide amparo á Valedora do Pobo polas irregularidades na tramitación do PXOM de Ares

O BNG apresentou un escrito dirixido á Valedora do Pobo, no que denuncia diversas irregularidades no proceso de tramitación do PXOM de Ares, que vai desde marzo do 2014 até agora. Esta medida foi tomada debido a que, segundo o portavoz municipal do BNG no concello de Ares, Emilio Mesías “todas as iniciativas que quixemos implementar na corporación para garantir a transparencia e a seguridade xurídica das persoas afectadas e tamén do conxunto da veciñanza- foron torpedeadas desde o goberno municipal”.

Mesías fai alusión á “indefensión na que se atopan as máis de 600 persoas que tiñan presentado alegación á aprobación inicial do PXOM, o 6 de marzo de 2014, e que a día de hoxe non recibiron contestación” nun proceso que cualificou de “opaco e de dubidosa legalidade” facendo mención tamén a que “os grupos da corporación pol menos, o BNG- foron apartados do proceso de tramitación do PXOM, que está a facer o goberno municipal en solitario”.

Cualificou de “verdadeiro escándalo” o feito de que se creara no seu momento unha “delegación especial para a tramitación do PXOM para o concelleiro de NAL, Luis Cendán que, pese a estar moi ben retribuida económicamente, semella que non ten efectos práticos”.

O portavoz nacionalista fai referencia tamén á negativa a facilitar documentación e información a algunhas persoas afectadas que así o tiñan solicitado “infrinxindo claramenteo artigo 87 da vixente Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia”. E acusa directamente ao alcalde de mentirlle á cidadanía, xa que “hai pouco tempo fixo unhas declaracións aos medios dicindo que todos os informes preceptivos dos diversos organismos para a tramitación do PXOM eran favorábeis cando, segundo a documentación que lles foi entregada aos grupos “dos 15 informes emitidos, só figuran favorábeis tres; e o resto están condicionados a modificacións ou emitíronse en sentido negativo”.

Finalmente, o BNG fai mención ao incumprimento flagrante dos acordos plenarios; lembrando que en xuño deste ano -a instancia do BNG- aprobouse unha moción por unanimidade na que, entre outras cousas, acordábase que se dera resposta ás alegacións presentadas hai tres anos e medio; e sen embargo “non só non se deu cumprimentoao acordo, senón que no último pleno da corporación o alcalde desdíxose para afirmar que non se dará resposta ás alegacións presentadas”.

Desde o BNG faise mención tamén ao papel da Xunta en todo este proceso, xa que “hai perto de cinco meses que o BNG fixo unha pregunta no Parlamento Galego para aclarar o que está a acontecer, e a día de hoxe non tivemos contestación algunha”, o que Emilio Mesías cualifica de “evidente complicidade, mesmo que sexa por omisión, no incumprimento da propia Lei do Solo de Galiza”.

Lea también

As Pontes mejorará la red de saneamiento en su casco histórico

El Ayuntamiento de As Pontes ha previsto acometer la mejora de la red de saneamiento …