Xa se coñece o programa completo do festival audiovisual Cineuropa que se celebra en Santiago de Compostela entre o 7 e o 28 deste mes. Trátase dun encontro non competitivo que este ano chega á 31ª edición mostrando pezas europeas e tamén do resto do mundo. O listado de pases -repartido por varias salas de proxección da capital galega- conta con 224 filmes repartidos en preto dunha vintena de seccións. Entre eles hai dous made in San Sadurniño producidos dentro do encontro audiovisual Chanfaina ‘Lab. Son as curtas Sibila, de Carla Andrade, e Pois iso, que te quero, da realizadora Beatriz del Monte, que se proxectarán dentro do apartado dedicado ao panorama audiovisual galego.
Na presente edición o festival afonda no compromiso social e co social repasando de que maneira o cine se fixo eco -e mesmo foi partícipe- das revolucións do século XX tomando como partida a do 1917 da que se acaban de cumprir os 100 anos. Ese é o eixo central dun evento que multiplica a presenza do cine por todos os recunchos de Compostela e que tamén reserva un lugar especial para ver o que se move na creación galega.
No apartado para o cine de aquí teremos 26 pezas de produción recente cunha eminente vocación documental e experimental. Mostra destas dúas vertentes son a curta de Beatriz del Monte e a de Carla Andrade saídas da edición 2016/17 do encontro Chanfaina ‘Lab.
Del Monte narra en Pois iso, que te quero as relacións entre catro xeracións femininas dunha mesma familia de Santa Mariña. «Nais e fillas. Unha viaxe a través das emocións, onde o espazo físico narrativo desaparece deixando o protagonismo á humanidade omnipresente dunhas mulleres que observan, senten e se interrogan desde o silencio gardado durante anos, dando paso a outro tempo de emocións compartidas«.
Pola súa banda, a peza Sibila de Andrade adéntrase na experimentación visual acudindo a un conto do universo medieval Cunqueiriano. O folleto de man de Cineuropa explica brevemente a sinopse: «Sibila deixa Constantinopla por Naraío para pasar os seus últimos días consumida pola melancolía debido ao mal de amor producido polo seu irmán xemelgo Silván. Partindo dunha das múltiples narracións que de forma sincopada se suceden e interpolan no relato de Álvaro Cunqueiro El caballero, recreamos unha pequena historia mediante unha estética depurada e baseada na elipse para contrarrestar o evidente medo ao baleiro que caracteriza a súa obra«.
Os dous filmes pasaranse no Cinema Numax o sábado 18 a partir das 18.00h. xunto con outras seis obras de autores tamén chanfaineiros, como Gonzalo E. Veloso ou Jaione Camborda. Poderemos velas de novo todas xuntas o mércores 22 nos Multicines Compostela a partir das 18.00h.