Na nosa liña de opinión crítica acerca das diferentes cuestións que xiran en torno ó patrimonio cultural da comarca ferrolá, hoxe queríamos falar dunha publicación en torno a un notable descubrimento que seica pasou desapercibido á meirande parte da nosa comunidade.
A publicación en cuestión é `En cadea sen prijon´, volume editado pola Xunta no ano 2013 e que recolle un total de vinte e tres poemas pertencentes á lírica galega postrobadoresca analizados polo profesor Henrique Monteagudo. A importancia desta obra que nos achega ós derradeiros intres da produción escrita da lingua, previos ós chamados `Séculos Escuros´, radica na súa localización na nosa bisbarra durante o século XV.
En efecto, a vinculación de ditos poemas a documentos notariais escritos na vila de Ferrol, as mencións dalgúns membros da casa de Andrade e a ascendencia da propietaria do arquivo onde se localizaron, permítennos mesmo establecer unha posible vinculación có entorno de Santa Uxía de Mandiá. Segundo declarou o profesor Monteagudo para o periódico `El País´ o 30 de abril de 2013, estes escritos teñen unha importancia moi considerable á hora de repensar cal foi o final da tradición poética medieval en Galicia; o que é máis, é un tipo de composición que vai estar en tódalas antoloxías da literatura galega. En definitiva, trátanse dun auténtico tesouro cultural que nos axudan a reconstruír unha parte salientable da nosa historia.
Unha vez feita esta descrición sobre o seu contido, adscrición e importancia; cabe preguntarmos: por que esta publicación non tivo unha especial incidencia na nosa comarca?. Baste dicir que, por exemplo, o exemplar en préstamo que estamos a ler da Biblioteca Municipal de Ferrol levaba tres anos dende a última vez que o levaron para a casa. Consideramos, así pois, que, en primeiro lugar, estamos sendo testemuñas dunha proba evidente dun desleixamento no referente á cultura, sexa galega ou castelá, que leva a ignorar a relevancia que posúen certos fitos para a comprensión do noso encaixe social a día de hoxe.
En segundo lugar, que non por iso menos importante, albíscase unha escaseza no interese pola lectura; en especial por aquela que semella ter unha dificultade aparente maior do que en realidade é.
E, en terceiro, retornando cara o entorno máis inmediato, unha subestimación do Ferrol previo á cidade ilustrada do arsenal. No romanticismo que temos xerado en torno a cidade dos séculos XVIII-XX, moi vinculado á grande historia militar española, esquecémonos moitas veces doutros paradigmas, mesmo os insertos nos séculos mencionados, que dan outra dimensión á nosa historia e que, guste ou non, están dentro da nosa conformación coma cidadáns desta bisbarra. Entre estes aspectos ten cabida unha cultura galega propia do noso entorno e que leva aquí dende fai séculos.
Pode ser por este esquecemento que moitos de nós non tivéramos ouvido falar ate fai pouco de `En cadea sen prijon´.
A modo de conclusión, invitamos ós nosos lectores/seguidores a que, se teñen a curiosidade e a oportunidade, bótenlle unha ollada á dita obra, que, coma dixéramos, está dispoñible na biblioteca da Praza de España. Boa lectura!