A Deputación rematará en xuño as obras de ampliación da Estrada do Trece, en Narón, nas que inviste 1,2 millóns de euros

 O presidente provincial, Valentín Gonzalez Formoso, visitou na mañá deste mercores algunhas das obras e proxectos nos que colaboran a Deputación e o concello de Narón, e abordou coa alcaldesa, Marián Ferreiro,  varios dos proxectos nos que tamén participará a institución provincial.

Entre estas cuestións, tratáronse as reformas demandadas polos veciños nas beirarrúas da ponte sobre as vías ferroviarias en Santa Icía. “Trátase dunha cuestión que nos preocupa a todos e queremos darlle solución no menor prazo posible”, afirmou González Formoso, pero lembrou que “á complexidade técnica do proxecto súmase tamén a complexidade administrativa, porque precisamos permisos do xestor ferroviario, xa que a ponte entra no se ámbito de afección”.

O presidente provincial manifestou a intención do servizo de Vías e Obras de “solucionar este problema da forma máis áxil posible” e pediu a “colaboración do concello para a realización das xestións”. Así mesmo, afirmou que “a Deputación investirá o que faga falta, non vai ser un tema condicionado polos recursos económicos” para solventar este problema de seguridade.

Utilidade do Plán Único

Asemade, Marián Ferreiro destacou a “utilidade do novo Plan Único” e agradeceu que se variase o antigo POS para permitir aos concellos ter máis capacidade de decisión no investimento dos fondos provinciais. No bienio 2017-2018, o concello de Narón recibe un total de 4.040.598,34 euros, a maior de toda a comarca ferrolá e unha das achegas máis elevadas en toda a provincia.

González Formoso e Ferreiro tamén abordaron a posible transferencia ao concello da estrada do Feal, a DP-5407, así coma as diferentes actuacións que sería necesario acometer nesta vía, para as que os técnicos provinciais xa están a realizar un proxecto.

Máis de 1 millón de euros para ampliar a estrada do Trece

Valentín González Formoso, acompañado da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro,  visitou tamén as obras que xa se están executando na DP-5404, de Xubia á praia da Frouxeira, para ampliar a estrada e reducir a sinuosidade do trazado.

O presidente provincial confirmou que os traballos neste vial, coñecido coma a estrada do Trece, “está previsto que rematen en xuño do 2018” e destacou que esta acción suporá “unha mellora substancial na seguridade viaria”, así coma unha maior fluidez na circulación.

A Deputación inviste 829.939 euros neste proxecto, dos cales 452.143 € destinaranse ás melloras na calzada e outros 377.796 € para a execución dunha nova rede de saneamento.

A este orzamento hai que sumarlle tamén os 460.128 euros que a Deputación destinou ás expropiacións das fincas afectadas polas obras, polo que o orzamento total ascende a máis de 1.290.000 euros.

As obras concéntrase no tramo de 3 quilómetros situado entre os puntos quilométricos 3,500 ao 6,500. A plataforma da estrada ampliarase dos 5 metros actuais a un total de 9 metros de ancho, contando con dous carrís de 3,5 metros e beiravías de 1 metro a ambos lados da calzada.

Tras os traballos de ampliación, renovarase a pavimentación da totalidade da vía, con 15 centímetros de zahorra, base de macadam e unha capa de rodaxe con triplo tratamento asfáltico.

Doutra banda, construirase unha rede de saneamento para recoller os vertidos das 80 vivendas situadas na zona de actuación, e que actualmente carecen deste servizo básico.

A nova rede de colectores construirase baixo as cunetas e constará de máis de 3.000 metros de canalizacións de PVC e 115 pozos de rexistro.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …

Un comentario

  1. Ah! Las que ya estaban empezadas en 2015 con el gobierno anterior del PP… sí que se apuran sí…. ¡¡y el gobierno de Naron calladito!! Ya no está Boullón…