O presidente da Deputación mantivo un encontro de traballo coa alcaldesa de Narón

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, recibiu na mañá deste mércores no seu despacho ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, co que mantivo un encontro –tras renunirse con técnicos da citada administración- no que tamén participaron os portavoces municipais do BNG, Pablo Villamar e do PSOE, Catalina García. A alcaldesa -á que González Formoso felicitou persoalmente polo seu cargo á fronte do goberno local- valorou a xuntanza mantida  no seu despacho, na que se abordaron diferentes asuntos de interese para a cidade nos que están traballando desde ambas administracións.

A primeira cuestión abordada foi o proxecto da estrada do Feal (DP-5407), sobre a que desde a Deputación informaron dos avances en marcha para realizar diversas melloras. “Este é un tema fundamental e para o que desde o Concello ofrecemos, como no resto dos casos, total colaboración co fin de executar un proxecto sobre que está en fase de estudo pero que confiamos en que poida materializarse canto antes”, asegurou Ferreiro. A rexedora local valorou o feiro de que os trámites “están en bo camiño, o que é unha satisfacción para nós porque é unha obra tamén moi importante para o noso concello”. Ao respecto o presidente da Deputación asegurou que “o Concello ten un importante compromiso de asumir a titularidade deste vial, sempre que a Deputación o ceda nas condicións oportunas”.

Así mesmo, Ferreiro interesouse polas obras pendentes na estrada de San Xiao (DP-5401), confirmándolle os representantes da administración provincial que en breve se habilitará unha senda peonil nas inmediacións da igrexa a modo provisional e á espera de que canto antes se materialice o proxecto de mellora do citado vial. “É preciso acometer canto antes melloras neste vial, moi transitado e con varios puntos negros, para deste xeito garantir a seguridade tanto de conductores como de peatóns”, indicou a alcaldesa.

A alcaldesa recordou respecto ás obras da Estrada do Trece (DP-5404), actualmente en execución e nas que a administración provincial está a invertir preto dun millón de euros que o Concello colabora tamén en materia de servizos. Sobre este vial Formoso indicou que se prevé que os traballos estean finalizados en xuño do vindeiro ano. “Trátase dunha importante actuación en materia de seguridade viaria nun vial que pasará a ter nove metros de ancho e que antes tiña cinco”, explicou o presidente da Deputación.

A alcaldesa aproveitou tamén a visita de Formoso para incidir na urxencia de solucionar dos problemas detectados nas obras que a Deputación acomete na avenida de Santa Icía, concretamente na zona da ponte sobre a vía do tren e sobre as que Valentín se comprometeu a solventar a situación. “Os servizos pertinentes da administración provincial teñen as instrucións necesarias para arranxar a situación á maior brevidade posible”, asegurou.

Entre os asuntos abordados na reunión deste mércores estivo tamén a cuncha acústica do Pazo da Cultura, que se prevé que poida estar operativa a partir do 1 de decembro, tal e como indicou a alcaldesa de Narón. Neste caso o investimento, que ronda os 300.000 euros, sufragaráo a Deputación nun 80%, tras realizarse as pertinentes xestións desde o goberno local.

A rexedora local e o presidente da Deputación desprazáronse ata a estrada do Trece ao finalizar a reunión, para comprobar a evolución dos traballos que alí se executan. Foron tamén á visita os portavoces municipais do PSOE e BNG e o edil de Obras de Narón, Pablo Mauriz, así como o exalcalde naronés, José Manuel Blanco, convidado pola Deputación da Coruña.

Para o exrexedor local tivo tamén Formoso palabras de agradecemento, subliñando que “se comportou sempre como un auténtico señor”. A modo de exemplo, o presidente da administración provincial recordou que “nalgún caso con expedientes dificultosos soubo esperar e amosou a súa enorme xenerosidade e do seu equipo de goberno, polo que agradezo o seu trato e a súa paciencia”.

A alcaldesa de Narón agradeceu a Formoso “o traballo realizado polo seu equipo de goberno e a equidade desta administracións en temas como o Plan Único, a través do que se executan destacadas e necesarias actuacións neste concello”.

Lea también

72 persoas participan en Narón nos obradoiros do proxecto municipal aCLIMAtarnos

A Casa da Mocidade acolleu o primeiro dos obradoiros do proxecto “aCLIMAtarnos”, sobre concienciación ambiental …