O Padroado da Cultura do Concello de Narón convoca o novena edición do “Concurso de Pintura Cidade de Narón”. A alcaldesa da cidade e presidenta do organismo, Marián Ferreiro, presentou na mañá deste xoves o certame, ao que se poderán presentar obras dende o vindeiro 30 de outubro e ata o 10 de novembro, en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00, no Pazo da Cultura. A rexedora local animou á veciñanza a presentar os seus traballos a este concurso, no que se repartirán un total de 2.850 euros en premios. A ficha de inscrición pódese descargar a través da páxina web do Padroado: www.padroadodecultura.es.
Estableceranse dúas categorías, unha de adultos, para persoas a partir de 16 anos, e outra infantil, ata os 15 anos, sendo esta última un certame fóra do propio concurso. Cada autor só pode presentar unha obra, orixinal e de temática, técnica e estilo libres, tal e como explicou Ferreiro. Así mesmo, en canto ao formato dos traballos presentados, deben estar enmarcados ou protexidos cun listón e o lenzo non pode superar 1,50 metros por cada lado. Non se poden asinar e deberán incluírse nun sobre pechado os datos persoais do autor.
Os premios establecidos para a categoría de adultos, que se entregarán en base ao veredicto dun xurado formado por tres profesionais de prestixio nas artes plásticas e un representante municipal –este último actuará como secretario- serán de 1.500 euros para o mellor traballo; 750 para o segundo premio; 400 para o terceiro e 200 para o Premio Especial Francisco Criado -en recoñecemento dun pintor xa falecido e que foi veciño de San Xiao-, sendo este último incompatible con outros premios. Os traballos galardoados cos tres primeiros premios deste certame pasarán a ser propiedade do Padroado da Cultura do Concello de Narón e o gañador do concurso non poderá presentarse nas vindeiras dúas edicións, tal e como se estipula nas bases. Así mesmo, haberá un detalle participativo para todos os participantes nas categorías infantil e xuvenil.
A entrega de premios será o 23 de novembro –Día de Narón– ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, tal e como recordou Marián Ferreiro.
Os traballos finalistas exporanse nas instalacións do Pazo da Cultura entre o 13 e o 23 de novembro, podendo visitarse de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 e os sábados entre as 10.00 e as 14.00.
A alcaldesa recordou que o ano pasado se presentaron un total de setenta obras a este certame e amosou a súa confianza en que “entre as veciñas e veciños de Narón e doutros concellos poidamos superar nesta edición esta cifra, contribuíndo deste xeito a consolidar este evento, moi recoñecido dentro e fóra da nosa cidade”.