O CHUF incorporou este ano unha nova técnica para a patoloxía mamaría, a biopsia asistida por vacío mediante ecografía

O Servizo de Radioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol incorporou este ano unha nova técnica na Patoloxía Mamaria, a Biopsia Asistida por Vacío. É un chanzo máis nos distintas procedementos existentes para atención da patoloxía mamaria no ámbito da área sanitaria de Ferrol; e entre as súas vantaxes, evita as intervencións en caso de lesións benignas.

Na Xerencia Integrada de Ferrol existe un Comité de Mama dende o ano 2003; e unha vía rápida de cancro de mama, que foi das primeiras en se activar. O Programa Galego de Detección Precoz tamén fai un cribado das mulleres entre 50 e 69 anos sen sintomatoloxía. No Día Mundial do cancro de mama, que se celebra hoxe, os e as profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol insisten na necesidade de que as mulleres participen neste programa preventivo.

Radioloxía de mama

No Servizo de Radiodiagnóstico, realízanse diferentes probas relacionadas coa mama a pacientes que proceden de diversos ámbitos e especialidades: as consultas de Cirurxía Xeral; de Xinecoloxía, Oncoloxía, centros de saúde, doutros departamentos de Radioloxía, do Comité de Mama, dende hospitalización cando a paciente está ingresada, ou do Programa de cribado ou detección precoz. Tódolos volantes que chegan dende estas orixes son valorados polos radiólogos especializados neste ámbito, que indican a proba máis axeitada, segundo o caso; e, posteriormente establecen unha correlación entre a sospeita e o que se atopa. Segundo cada caso e factores como a idade da paciente realízase unha proba, ou unha cascada de procedementos, sempre segundo protocolos de actuación establecidos.

Nesta área sanitaria, Radioloxía de mama é un departamento que participa nos Comités de tumores, nas interconsultas radiolóxicas, nas consultas de información postsesión do Programa de Detección. Realiza diferentes probas tanto para establecer un diagnóstico como para ofrecer xa un tratamento. Empréganse resonancias, mamografías, ecografías de mama e axila; galactografías; punción de quistes; drenaxe de abscesos; biopsias con agulla grosa (BAG); colocación de arpóns, mediante guía ecográfica ou estereatáxica; e colocación de marcadores. A última técnica en se incorporar este ano é a BAV ou Biopsia por Vacío mediante ecografía.

Biopsia Asistida por Vacío mediante ecografía

Coa Biopsia extráese tecido da mama. A diferenza da Biopsia Asistida con Agulla Grosa, que emprega o corte como método de obtención da mostra, a Biopsia Asistida por Vacío mediante ecografía permite a obtención de mostras de maior tamaño polo seu sistema de aspiración. Este aspecto é importante xa que a tendencia nesta área da patoloxía é extirpar xa lesións cando é necesario ou saber a que tipo de lesión se enfronta o cirurxián cara a planificación do proceso cirúrxico. “É un paso máis no escala diagnóstica”, subliñan dende Radioloxía. No ámbito diagnóstico, polo tanto, complementa outras probas. No ámbito da aplicación terapéutica, permite xa o tratamento de determinadas lesións benignas como os fibroadenomas benignos ou os papilomas, entre outras. Isto permite maior tranquilidade e seguridade da paciente e evita unha cirurxía posterior.

Nova tecnoloxía

En canto á tecnoloxía coa que conta a área, “a nova Resonancia Magnética que se incorporaba hai uns meses mellora a calidade, e probablemente, en breve, tamén a cantidade, dos estudos de mama”, explican. Lembrar igualmente, con respecto á aparataxe no ámbito do cancro de mama, que en ano e medio téñense incorporado dous novos mamógrafos. Os mamógrafos dixitais “melloran o índice de detección con respecto ó método analóxico”. A finais do ano 2015, incorporábase un novo mamógrafo dixital no Hospital Arquitecto Marcide. E, a principios do 2016, renovábase tamén o antigo por outro novo mamógrafo dixital para o Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, con destino a realización do programa de cribado de cancro de mama que realiza a Consellería de Sanidade para á detección precoz do cancro de mama en mulleres entre os 50 e os 69 anos.

Reseñar que, no que vai do presente ano 2017, no Servizo de Radiodiagnóstico realizáronse un total de 2.230 probas de Radioloxía de mama.

Unha vía rápida con atención multidisciplinar

Por outra banda, lembrar que as vías rápidas son circuítos asistenciais onde se establecen unha serie de criterios de inclusión para pacientes con sospeita dun posible cancro. A finalidade é que o tempo que transcorra entre o diagnóstico de sospeita e a primeira actividade terapéutica non sexa superior ós 30 días. A clave destas vías rápidas é a coordinación e o traballo en equipos multidisciplinares dos profesionais da Xerencia implicados nestas patoloxías.

Coa implantación de vías rápidas acúrtase a espera dos pacientes para conseguir que, a través delas, o diagnóstico se faga o más rápido posible. Trátase de identificar os recursos relacionados con esta patoloxía, e establecer criterios organizativos e servizos de referencia, identificando estándares de atención, creando comisións de tumores, e desenvolvendo protocolos específicos. Conséguense melloras no que respecta ós tempos de resposta e evítase a duplicidade de probas ou actividades redundantes. A activación das vías rápidas é factible grazas ó esforzo de coordinación e integración dos e das profesionais ferrolás nestes ámbitos. Un total de 147 pacientes incorporáronse a vía rápida do cancro de mama no primeiro semestre de 2017.

Programa de Detección Precoz

Por último, en relación co programa de cribado, de Detección Precoz de Cancro de mama, na Xerencia Integrada de Ferrol foron invitadas a participar no programa un total de 6.801 mulleres do grupo de idade de 50 a 69 anos, no primeiro semestre deste ano 2017. Destas, acudiron á unidade de exploración 5.622 mulleres, o que supón unha porcentaxe de participación do 81%. Esta participación supera amplamente o obxectivo sinalado nas Guías Europeas de garantía de calidade en cribado mamográfico que establecen como aceptable a participación superior ao 70%, e como desexable, unha porcentaxe de participación do 75%.

Tódalas mulleres ás que se lles fixo a exploración mamográfica tiveron un resultado negativo, agás 166, que foron citadas no Hospital Arquitecto Marcide para realizarlles probas complementarias co obxectivo de descartar ou confirmar a presenza de enfermidade maligna (cancro de mama).

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …