Profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol son nominados en tres das doce categorías que establecen os III Premios á Sanidade Galicia, organizados por Sanitaria 2000 e Redacción Médica. A elección dos gañadores entre os nominados producirase o xoves pola tarde nun acto en Santiago de Compostela. Segundo indican dende Redacción Médica, “estes recoñecementos son unha homenaxe a profesionais da sanidade galega; e o obxectivo é recoñecer iniciativas de interese , as boas prácticas, e as traxectorias destacables do sector”. As candidaturas teñen sido seleccionadas por un comité editorial de redacción médica; e a decisión final sobre o destino de cada un dos galardóns recae nun xurado integrado por personalidades do ámbito sanitario a nivel nacional.
Cribado colorrectal e calidade
Dentro da Categoría de Xestión Integrada, e tal e como reseñan os organizadores, é nominado o estudo Dous anos de cribado do cancro colorrectal, que ten pasado?, dos profesionais da Xerencia Integrada e premiado na Reunión Anual de Cirurxía o pasado novembro. Xunto con isto, tamén o propio Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol “ó ser o centro con máis certificacións e selos de calidade de Galicia. E, en consecuencia, tamén ten sido o primeiro en lograr adaptarse a nova norma (ISO 9001:2015) que entrará en vigor o vindeiro ano 2018”.
No primeiro caso, os especialistas en Cirurxía, Ramón López de los Reyes e Luis Sánchez-Guillén, referíanse o impacto do programa de prevención do cribado colorrectal na actividade cirúrxica na área sanitaria ferrolá, e indicaban que, trala implantación do programa de cribado colorrectal na Xerencia Integrada de Ferrol, téñense incrementado o número de cirurxías realizadas nun 50%, durante o primeiro ano; e nun 80%, durante o segundo ano. Amosaban que este cribado supuña “un diagnóstico en estadío máis precoz dos casos; un menor número de complicacións; un maior número de intervencións por vía laparocópica (de xeito menos agresivo para o paciente); e, tamén, menos estancia hospitalaria e morbimortalidade”.
Publicación específica de Electrocardiografía
Na categoría de médico, é nominado o cardiólogo do CHUF, Emiliano Fernández Obanza, pola publicación Electrocardiografía Básica. Aproximación á lectura do Electrocardiograma, en colaboración coa profesional de Enfermaría da Unidade de Coidados Intermedios de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, María Blanco Vidal. Trátase dunha publicación monográfica sobre unha das probas máis habituais no ámbito cardiolóxico, o Electrocardiograma (EKG). Esta publicación recompila tódalas cuestións clave en torno a esta proba, e é a primeira destas características realizada por profesionais de Cardioloxía en Galicia, e dirixida a tódolos profesionais de distintas categorías e ámbitos que teñen unha relación directa ou indirecta con esta proba, incluídos os profesionais en formación.
Segundo se destaca na propia publicación, “é unha aproximación básica, entendida como esencial ou elemental. O obxectivo é transmitir un enfoque baseado na análise sistemática deste estudo complementario pero integrando as bases fisiopatolóxicas”. Trátase de “formarse na lectura sistemática do electrocardiograma”, indican. Actualmente xa se está a traballar nunha segunda edición desta publicación.
Variabilidade na exploración do párkinson
Na categoría de Acción investigadora, inclúese o traballo Variabilidade na exploración da enfermidade de Parkinson entre o neurólogo experto en trastornos do movemento e a enfermeira especialista, da enfermeira de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Teresa de Deus Fonticoba; e do facultativo especialista en Neuroloxía, Diego Santos García. Por este traballo recibían un premio como mellor comunicación no XXIII Congreso Anual da Sociedade Española de Enfermaría Neurolóxica, tamén o pasado novembro.
O traballo pretende comparar obxectivamente a avaliación motora do paciente con enfermidade de Parkinson realizada polo neurólogo especialista fronte á enfermeira da Unidade de Trastornos do Movemento. Na sección de Neuroloxía do CHUF, existe unha consulta monográfica de Parkinson, na que se valoran entre 60 e 90 pacientes ó mes. A estes pacientes realízaselle unha ampla valoración e exploración tanto no ámbito motor (rixidez, lentitude, marcha, postura ou equilibrio, entre outras cuestións), como no non motor (de entorno, global ou psicosociais que implican cuestións urinarias, dixestivas, vasculares, de depresión ou fatiga, entre outras). Tradicionalmente, da valoración motora encárganse os profesionais facultativos, e das non motoras o de Enfermaría.
Para valorar as motoras existen diferentes escalas validadas que se aplican. Os autores deste traballo partían da base de que “unha profesional de enfermaría con ampla experiencia pode aplicar tamén estas escalas”, optando así por unha “maior colaboración entre profesionais”, e optimizando o tempo de consulta dese paciente para unha atención máis completa. Traballaron, durante medio ano, con un total de cincuenta pacientes con capacidade para participar, e de xeito voluntario; e concluíron que “a exploración motora é realizada pola enfermeira especialista de xeito fiable, e con resultados superponibles ós do neurólogo experto”; que “o tempo empregado, en xeral é semellante ó do neurólogo”; e que isto “pode ter unha aplicabilidade práctica tanto en estudos ou ensaios clínicos como na práctica clínica diaria”. Destacan así o “aspecto colaborativo do traballo” e “a importancia do adestramento da enfermeira”.