En contra do que moita xente pensa, un campo de fútbol de herba artificial tamén necesita un mantemento coidadoso. Menos traballoso e caro que o dunha cancha natural, pero mantemento ao cabo que se debe facer cada certo tempo. Cando se fan dous anos da entrega do campo de fútbol de Currás, o Concello acaba de levar a cabo a primeira actuación dun programa anual que prevé repasar o céspede cada dous meses co obxectivo de que estea nas mellores condicións. A empresa encargada dos traballos destacou o “magnífico estado” de toda a superficie, debido en boa medida ao mimo co que o CF San Sadurniño coida as instalacións malia a intensa carga deportiva que soportan.
Os labores de mantemento teñen un custe anual de 2.800 euros -ive incluído- e desenvolveranse de dous en dous meses. Consisten en repasar toda a cancha cunha máquina específica que ten dúas misións. Dunha banda carda o terreo de xogo para que as fibras adopten unha posición o máis parecida posible á da herba natural e, por outra, fai unha redistribución do lastre de caucho co obxectivo de que se reproduza a textura e o comportamento dunha alfombra de céspede.
Ademais destas dúas funcións, a máquina -semellante a un grande cortacéspedes- tamén aspira suciedade que poida haber e hebras sintéticas rotas que, de acumularse, prexudicarían o xogo e mesmo a durabilidade do campo. O traballo complétase coa revisión do estado das unións de todas as planchas que compoñen o enmoquetado verde así como das liñas, que non están pintadas, senón que van cortadas e encaixadas á medida cun material doutra cor.
Se ben ata este momento era a directiva do CF San Sadurniño quen se encargaba de peitear o céspede artificial cada certo tempo -un labor que pode seguir facéndose- as intervencións bimestrais serán as que garantan un estado homoxéneo de toda a superficie. Neste sentido, un dos responsables de Recintos Deportivos Vidal S.L. -a empresa que levou a cabo a primeira actuación- destacou o “magnífico estado” do campo que, segundo dixo, “encóntrase nunhas excelentes condicións” malia levar xa dous anos de trote e tracción constantes.
O técnico tamén louvou a calidade construtiva de todo o recinto, así como o compromiso do equipo local coa súa conservación. Algunhas das claves a este respecto son “non utilizar sempre o mesmo sitio para adestrar, senón ir rotando por distintas zonas”, un sistema de drenaxe eficiente e a rega do terreo na medida xusta. E, si, os campos artificiais tamén hai que regalos antes de xogar para que o xogo sexa case idéntico ao dos campos naturais.
Aínda que este tipo de canchas teñen unha vida útil que adoita estar entre os 10 e os 15 anos, tal e como comentan desde a empresa de mantemento, “é fácil” que o campo de Currás chegue “aos 18 ou 20 anos” sen maior problema, debido ao trato tan coidadoso que se lle está dando e pola calidade do céspede instalado.
O cambio a céspede artificial, así como o acondicionamento das bandas, ascendeu a 323.000 euros, financiados con fondos procedentes da Deputación da Coruña. Os traballos, executados por Jardinería Arce S.L., iniciáronse en xullo de 2015 e completáronse entre finais de agosto e principios de setembro dese mesmo ano.