Sete persoas acceden a un contrato temporal en Fene dentro do programa provincial de integración laboral

Operarios de obras – Concello de Fene

A brigada municipal de obras conta desde o venres cun reforzo gracias ao Programa de Integración Laboral impulsado pola Deputación da Coruña no marco do Plan de Emprego Local 2016-2019. O equipo está formado por un oficial e seis peóns que traballarán durante os próximos catro meses facendo pequenas obras case a xornada completa. Como primeira encarga están adecentando o contorno dos centros de ensino locais xusto antes do comezo das clases, aínda que tamén desenvolven tarefas de xardinería e outras relacionadas co que comunmente se coñece como «ornato público». Ademais do PIL provincial xestionado en exclusiva polo Concello, en Fene tamén van arrancar antes do remate do mes outras dúas accións de formación e emprego, aínda que neste caso financiadas pola UE a través da Xunta e en colaboración cos municipios de Mugardos, Ares, e Neda. Son os programa Inicia II para mocidade desempregada menor de 30 anos e o obradoiro de emprego Reinicia IV dos que, en conxunto, se beneficiarán 35 persoas sen traballo.

Fene participa neste 2017 no Programa de Integración Laboral impulsado pola Deputación da Coruña no marco do Plan de Emprego Local 2016-2019, co que se pretende dinamizar a economía e xerar emprego nos municipios da provincia. Ao Concello correspondéronlle 52.000 euros cos que se contrataron 7 persoas desempregadas para un período de catro meses e sobre un 74% da xornada laboral.

Os seus perfís laborais son os de 6 persoas que ocupan postos de peonaxe de obra e, a maiores, unha coa categoría de oficial de albanelería. Tras recibiren a roupa e os equipamentos de protección, así como a formación en prevención, os sete operarios están facendo xa tarefas de todo tipo dentro das permitidas polo programa provincial, entre elas o mantemento de parques e xardíns, actuacións relacionadas con servizos públicos ou, por exemplo, a execución de pequenas obras de reparación e adecentamento do contorno dos colexios públicos de cara a telos listos para o inicio do curso dentro duns días.

O Programa de Integración Laboral é unha liña específica para municipios de menos de 20.000 habitantes dotada con 3 millóns de euros para esta anualidade que se distribuíron entre 82 concellos. Fene entrou no módulo con contía máxima xunto con Rianxo, Betanzos, Ordes, Sada, Teo e Boiro, aos que lles correspondeu unha achega de 52.000 euros para cubrir os custos dos contratos -salarios, seguridade social, formación en PRL e indemnización por fin de contrato-.

Inicia II e Reinicia IV

Alén do PIL provincial, o Concello tamén participa xunto con Mugardos, Ares, Neda e Cabanas noutros dous proxectos relacionados coa capacitación e a mellora da empregabilidade. En concreto son o Programa Inicia II e o Programa Reinicia IV, ambos financiados pola Consellería de Emprego e Industria, que permitirán ofrecer tres accións formativas, unha entre setembro deste ano e marzo do que vén e dúas que chegarán a xuño. Delas beneficiaranse un total de 35 persoas en situación de desemprego, que poderán prepararse en atención sociosanitaria, en fabricación e montaxe de tubería industrial e en carpintería de moble.

O Programa Inicia II -15 prazas- está pensado para a inserción laboral de xente nova menor de 30 anos que figure inscrita no plan de Garantía Xuvenil. En Fene impartirase un obradoiro de 6 meses de duración que se ocupará dos procesos de fabricación e montaxe de instalacións de tubería industrial, ademais de contar con módulos transversais como o de igualdade ou o de seguridade e hixiene no traballo.

A aprendizaxe irá acompañada dunha parte práctica e dun proxecto nun espazo público que, neste caso, servirá para levar adiante as varandas das escaleiras de acceso a San Valentín pola Rúa Machuco. En base ao reparto entre municipios -fixado con datos sobre o paro rexistrado-, a Fene correspóndelle un cupo de 6 alumnos, 3 a Ares e Mugardos, 2 a Neda e 1 pertencente a Cabanas.

O outro programa de emprego, denominado Reinicia IV, está dividido en dúas especialidades con 10 prazas en cada unha delas (20 en total). Unha desenvolverase en Mugardos -centrada na capacitación en atención sociosanitaria a persoas no domicilio- e outra en Fene sobre traballos de carpintería e de construción de mobles. Igual que no Inicia II, a práctica tamén servirá para mellorar o equipamento municipal, posto que se prevé fabricar mobiliario para a casa consistorial. A Fene correspóndenlle 8 alumnos/as, a Neda 3, Ares e Mugardos contarán con 4 e Cabanas con 1, en base ao número de parados rexistrados en cada municipio a mes de febreiro de 2017.

A selección de participantes faise a partir das bases de datos do Servizo Público de Emprego Estatal -o antigo INEM-, quen se encarga de facer os chamamentos a aspirantes que cumpran os requisitos, ademais de participar no propio proceso selectivo. No caso do programa Inicia II de Garantía Xuvenil a selección de persoas xa citadas polo SEPE desenvolverase este mércores pola mañá, mentres que as probas para acceder ao obradoiro de emprego Reinicia IV serán nos próximos días, tendo en conta que para el tamén se contratará persoal docente. En calquera caso, ambos os dous programas deberán estar en marcha antes do 30 de setembro.

Lea también

Fene retira as copas de varias palmeiras afectadas pola praga do picudo vermello

O Concello de Fene continúa estes días cos labores de mantemento e control das árbores …