O Concello conmemora os 125 anos do Teatro Jofre coa mostra das escenografías orixinais

O Concello de Ferrol quere celebrar por todo o alto os 125 anos de historia do Teatro Jofre, buque insignia, espazo cultural por excelencia da cidade e unha icona da arquitectura modernista galega.

Farao coa exhibición de dúas das catro escenografías orixinais completas que se conservan do teatro, datadas no século pasado, nos anos 40 e 50, algunhas delas pintadas a man polo propio Felipe Bello Piñeiro, que destacan pola súa exquisita calidade artística. Vanse expor no teatro co ánimo de achegar aos ferroláns a oportunidade de descubrir e coñecer o propio patrimonio artístico do Concello de Ferrol, no canto de estar gardados nos arquivos locais.

Esta mostra, que hoxe presentaba en rolda de prensa o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, ven a complementar a que se inauguraba o pasado 19 de maio na Sala de Proxectos do CTG, co gallo do 125 aniversario do teatro e que supuxo desempoar a carteleira orixinal, os planos construtivos do Jofre e elementos orixinais do mobiliario e da decoración.

Falamos dun material que, coido, nunca fora exposto, como no caso do mural de Quessada, permite a recuperación do patrimonio cultural do noso municipio para a veciñanza”, manifestaba Basterrechea.

Estes decorados, tal e como relataba hoxe o concelleiro, eran propiedade do teatro, que os poñía a disposición das compañías que se desprazaban a Ferrol para compoñer o espazo da función. Os espazos representados neles son: un salón de baile, unha praza dun pobo, arcadas e deambulatorios góticos e unha selva ou xardín composta por fermosas árbores; que podían ser combinados entre eles e multiplicar así as posibilidades escénicas. Malia que as que se conservan son catro, por cuestións técnicas, únicamente é posible exhibir dúas que foron seleccionadas pola calidade artística, tamaño, posibilidades da montaxe e o estado de conservación.

As pinturas foron realizadas na súa meirande parte sobre tea, pero tamén sobre papel, colocadas sobre uns bastidores de madeira a medida que permitían a súa manipulación, así como a interacción dos actores durante a obra, utilizando as portas representadas ou xogando cós volumes do xardín. Na elaboración destes decorados, levada a cabo na baixocuberta do propio teatro, participaron notables artistas ferroláns e entre eles Bello Piñeiro, que deixou así documentada a súa afección pola escenografía teatral, así como a súa capacidade para representar tanto a beleza da natureza como a agochada na pedra, ou as vidreiras dos edificios que nos rodean.

A exhibición das teas abre as portas do 1 ao 13 de setembro no propio teatro, e poderase visitar de martes a venres de 17 a 20:30 horas. A maiores, e co fin de afondar na historia do teatro, organizaranse visitas guiadas os martes e xoves as 19:00 horas para grupos cun máximo de 20 persoas (con posibilidade de ampliar en función da demanda).

A fin de organizar as visitas, os interesados poderán inscribirse na seguinte dirección didactico.torrente@ferrol.es.

Lea también

Nace la «Asociación de Amigos do Museo da Cidade de Ferrol» con el objetivo de impulsar su creación

La presidenta de la recién creada ‘Asociación de Amigos do Museo da Cidade de Ferrol’, …