Cada ano está a aumentar o número de peregrinos que percorren os Camiños de Santiago, incluíndo os que levan a cabo o Camiño Inglés desde Ferrol. Aínda que desde o punto de vista económico non significan un substancial aporte, coa excepción dos beneficios recibidos pola hostalaría, é de grande interese a súa presenza desde o punto de vista da cultura e do turismo.
Nos 118 Kms do Camiño Inglés que leva de Ferrol a Compostela, os peregrinos poden atopar ata oito albergues oficiais, dotados das necesarios servicios de apoio aos camiñantes da ruta. Están situados en lugares específicos do Camiño, desde Neda a Compostela, pasando por Pontedeume e Betanzos.
Precisamente Ferrol, onde comeza o Camiño, carece dun Albergue de Peregrinos, dándose o recente e triste caso da chegada a Ferrol dun autobús con peregrinos que ían a comezar o Camiño Inglés ao seguinte día, e que, ao coñecer a vergoña da ausencia dun Albergue na cidade de inicio da ruta xacobea, continuaron de inmediato a súa viaxe a Neda sen parar en Ferrol.
Desde o ano 1998 Ferrol dispón da coñecida como Casa do Mar, un amplo edificio situado na Estrada Alta do Porto, practicamente ao comezo do Camiño Inglés. A que no seu día fora unha residencia para mariñeiros e familiares, hoxe perdeu esta utilidade funcional.
O edificio conta con dez habitacións dobres e dúas individuais, susceptibles de ampliación no seu uso, unha cafetería e un área de descanso, dispoñendo dunha ampla zoa verde exterior arredor do edificio, como teñen moitos dos albergues dos camiños xacobeos. Hoxe as instalacións atópanse practicamente sen utilizar, sendo usada unha mínima parte por unha entidade asistencial de Ferrrolterra desde o ano 2010.
Desde diversas instancias, especialmente as entidades veciñais (as máis activas neste intre para os asuntos que interesan a Ferrol), solicitouse o uso das instalacións da Casa do Mar como Albergue do Camiño Inglés. Neste intre, tanto a Autoridade Portuaria como o Instituto Social da Mariña e a Xunta de Galicia, seguen sen responder a esta xustificada petición.
Das devanditas entidades responsables desta mala práctica temos que dicir que, como sempre, a Xunta de Galicia e o Instituto Social da Mariña están ausentes de Ferrol. Porén, é especialmente censurable a falla de interese neste tema pola parte da Autoridade Portuaria, que esquece a súa obriga de loitar para lograr o mellor para Ferrol, a cidade onde ten a súa sede.
Pola transcrición Juan J. Burgoa