2.155 persoas da Xerencia Integrada de Ferrol acceden xa como usuarias á plataforma É-Saúde

Un total de 2.155 persoas da Xerencia Integrada de Ferrol acceden xa como usuarias a É-Saúde, unha plataforma dixital dirixida a pacientes e cidadáns que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado a internet. Precisamente este proxecto pilotouse con profesionais e pacientes desta área sanitaria ferrolá.

É-Saúde posibilita a estas persoas, entre outras cuestións, consultar e xestionar as súas citas; revisar a súa folla de tratamentos, períodos, e renovacións; os informes de TAO (sintrom); os informes de alta; informes de probas diagnósticas; ou o informe do calendario de vacinacións infantís. Pode facerse directamente dende o móbil, ordenador ou tablet con conexión a internet, e dende calquera punto da xeografía.

Tamén permite acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais de maneira que o paciente, dende o propio móbil, poida consultar cando ten que recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica ou facer as actividades de promoción da saúde que tivera programado. A Plataforma ofrece ademais acceso a todos os cursos de formación da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e dos cursos desenvolvidos polas asociacións de pacientes.

Así mesmo, a través dela pódense consultar servizos ou participar nas comunidades entre o persoal médico e de enfermería e outros pacientes, e nas asociacións de pacientes que permitan contactar con outros doentes cos que compartir dúbidas, ou recomendacións de hábitos de vida, entre outras cuestións. Todo iso coa garantía que ofrece o feito de que toda a información estea albergada no servidor do Servizo Galego de Saúde, coa conseguinte seguridade xurídica e tecnolóxica que iso supón.

Acceso delegado

Xunto con isto, É-Saúde permite que os pais, nais e titores, no caso dos menores de idade, ou os representantes legais ou persoas expresamente autorizadas polo paciente, no caso dos maiores, accedan no nome dos titulares aos servizos telemáticos personalizados que se ofrecen neste dispositivo.

Este acceso delegado -que xa se solicitou para 29 pacientes na Xerencia Integrada de Ferrol- posibilita xestionar de modo máis directo e áxil os procesos de saúde a través dunha terceira persoa autorizada para o efecto. Entre outros servizos, permite ter acceso aos mesmos informes médicos e información sanitaria do titular do dereito, como os informes médicos de probas diagnósticas, as citas médicas ou os fármacos prescritos e pendentes de dispensación na oficina de farmacia. Ademais, Sanidade tamén engadiu aos servizos dispoñibles os informes de calendario de vacinación infantil.

O acceso aos servizos telemáticos facilítase deste xeito respecto dos menores de idade, nos que por lóxica legal e operativa son os pais, nais ou titores legais os responsables e os que realizan todas as xestións do proceso asistencial, e cos que os profesionais toman as decisións diagnósticas e terapéuticas. Tamén respecto doutras persoas nas que polas limitacións propias da idade, da enfermidade, polo descoñecemento das novas tecnoloxías, ou outras circunstancias, son os coidadores familiares ou profesionais os que os acompañan na toma de decisións asistenciais.

Como se facer usuario da plataforma

Pódense facer usuarias de É-Saúde as persoas que dispoñan de tarxeta sanitaria do Sergas, e deben acceder á páxina web da plataforma, e crear unha conta cubrindo un formulario. Para garantir a seguridade de datos persoais e clínicos, algunhas das funcionalidades só están dispoñibles se se accede cun nivel de seguridade alto, validando a identidade a través do DNI electrónico, certificado da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, ou o sistema CHAVE 365. No caso do certificado e o sistema CHAVE, completarase o proceso de validación no centro de saúde, para a partir dese momento poder empregar xa É-Saúde.

Para solicitar o acceso delegado, calquera pai, nai, titor legal ou coidador pode solicitar o permiso no seu centro de saúde, acompañando o seu DNI ou pasaporte, así como libro de familia, partida de nacemento ou documento que acredite a tutela ou a patria potestade para o caso de menores, ou sentencia xudicial de incapacitación ou tutela legal no caso de persoas incapacitadas. É tamén necesario que tanto o paciente como a terceira persoa autorizada e solicitante de dito acceso dispoñan da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

Lea también

Llega a Ferrol la exposición Promoción de actuacións financiadas cos fondos europeos

El teniente alcalde de Ferrol, Javier Díaz, ha inaugurado en la mañana de este viernes …