Un total de 160 persoas participaron este domingo na camiñata que tivo lugar entre Xuvia e Pedroso, pola marxe do río Xuvia nunha xornada na que acompañou o bo tempo e que culminou cunha comida.
A segunda edición do programa municipal “Ponte en ruta con nós” rematou ao mediodía en Pedroso cun xantar comunitario na área recreativa a base de churrasco, paella, café e sobremesa. O concelleiro de Deportes, Román Romero, destacou o éxito que tivo este programa municipal, nas dúas edicións celebradas na localidade. “Desde o goberno local queremos agradecer a tódolos participantes a súa implicación nesta iniciativa, que xa amosou con creces que é todo un éxito a nivel de asistencia”, recalcou o edil, que subliñou o feito de que “unhas duas mil persoas participaron nas andainas convocadas nesta segunda edición de “Ponte en ruta con nós”, que comezou o pasado mes de outubro”.
Os roteiros programados nesta iniciativa desde outubro ata xuño permitiron aos homes e mulleres que se anotaron coñecer diferentes puntos do termo municipal naronés, pero tamén doutros concellos limítrofes, como Ferrol (Covas, Cabo Prior, Prioriño, San Xurxo); Mugardos (Castelo da Palma) e tamén da Capela (central hidroeléctrica de Caaveiro), entre outros. Desde o mes de outubro de 2016 ata xuño de 2017 programáronse desde o Padroado de Deportes de Narón, en colaboración coa empresa Arasti Barca, un total de oito andainas, tal e como recordou Romero.
“Con este tipo de convocatorias apostamos por fomentar entre a cidadanía o coñecemento do noso entorno e a práctica do deporte ao aire libre, deseñando unha serie de rutas de diferente distancia e dificultade, que se van incrementando a medida que avanza o programa”, explicou o edil de Deportes.
En definitiva, destacou, “trátase de promover hábitos de vida saudables e contribuír á erradicación do sedentarismo”, dous dos obxectivos do programa municipal “Ponte en ruta con nós”.
.