Xoán Curiel e Najla Shami inauguraron este domingo en Xuvia o programa «Verde que te quero verde» do concello de Narón

A Praza Irmáns Freire, en Xuvia, Narón, acolleu na mañá deste domingo, a partir das 12.30 horas, os dous primeiros espectáculos do programa “Verde que te quero verde”. Xoán Curiel Najla Shami foron os encargados de inaugurar esta convocatoria, que se desenvolverá todos os domingos do mes de xullo en diferentes espazos verdes da cidade.

As concellerías de Cultura, Festas e Servizos, presididas polos edís Marián Ferreiro, Mar Gómez e Ibán Santalla, respectivamente, colaboraron na organización deste evento, dirixido ao público familiar e infantil. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e os edís responsables das citadas áreas organizadoras, así como outros representantes do goberno local, presenciaron os espectáculos de Curiel e Shami, que despertaron o interese de maiores e tamén dos nenos e nenas, que gozaron dunha proposta divertida, ao tempo que didáctica e de balde, na mañá do domingo.

O protagonista do primeiro espectáculo, Xoán Curiel, animou aos menores coas súas inxeniosas cancións, interactuando durante o seu espectáculo cos nenos e nenas e coas súas familias. O artista, un dos valores máis destacados do actual panorama musical galego, interpretou temas do seu terceiro disco, Estamos no verán, con divertidos temas que fixeron gozar ao público durante toda a actuación, de aproximadamente media hora de duración.

Unha vez que rematou Curiel chegou o turno da cantante Najla Shami. Ela encargouse de dar continuidade ao programa “ Verde que te quero verde” na praza Irmáns Freire. O jazz, o funk e o word music fusiónanse nos temas desta artista, de pai palestino e nai galega, dúas culturas que marcan o seu traballo, que comezou coa música tradicional e co paso do tempo foi avanzando cara a outros estilos, unha evolución da que  deu boa conta Najla Shami na Praza Irmáns Freire, facendo gozar ao público alí presente.

O próximo domingo

A vindeira cita do programa “Verde que te quero verde” será o domingo 9 de xullo, no parque da rúa 25 de Xullo, no Alto do Castiñeiro. Nesa ocasión serán Magín Blanco e TinoProyecttio os encargados de animar ao público asistente. Un contacontos musicado é a proposta que traerá o día 9 a Narón Magín Blanco, que co seu espectáculo estimulará a creatividade e a curiosidade dos nenos e nenas polas letras, a música e a lingua. Pola súa banda, Carlos Mosquera e José Ocampo, de TinoProyecttio, interpretarán varias cancións, de moi variados estilos e coas que versionarán algúns dos temas máis recoñecidos dos Beatles, Bowie, Elvis Presley ou Miguel Ríos, entre outros.

A programación deste mes continuará o 16 de xullo na Rúa Campoamor, na Gándara, con Inacio Vilariño e Telón Abierto (da Universidad Ciego de Ávila, Cuba) e rematará o 23 de xullo na Rúa Francisco Pizarro, con Gloria Mosquera e Blah!.

Desde as Concellerías de Cultura, Festas e Servizos animaron á cidadanía a asistir a estes espectáculos, “unhas propostas diferentes para as mañás dos domingos, pensadas para todo tipo de públicos e que se desenvolven en zonas verdes da cidade, gozando da música, da cultura e tamén dalgúns dos diversos parques e prazas localizados en diferentes barrios de Narón”.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …