Aprobada no pleno de Narón a regulación da Participación Cidadá nos procesos de planificación, elaboración e avaliación da normativa municipal

Instante do pleno – Concello de Narón

Co único voto en contra do edil de ENE, a corporación local aprobou hoxe regular a Participación Cidadá nos procesos de planificación, elaboración e avaliación da normativa municipal do Concello de Narón. A proposta saíu adiante, co que as normas, ordenanzas –non orzamentarias nin fiscais- e regulamentos municipais someteranse a unha consulta previa para que a veciñanza poida formular as consideracións que estime oportunas sobre as mesmas. Así mesmo, facilitarase o labor ofrecendo a posibilidade de que presenten esas consideracións a través dunha plataforma que se habilitará para tal fin, evitando con esta proposta da área de Novas Tecnoloxías que teñan que desprazarse ao Concello para facelo.

A corporación local acordou ademais prorrogar durante catro anos o actual Plan de Igualdade Municipal, co fin de reforzar as áreas desenvoltas en menor medida e abundando nas actuacións que foron máis exitosas, sen que sexa necesario introducir modificacións nin novas liñas de traballo, tal e como se indicou desde o Servizo Sociocomunitario Municipal, en aras a un informe realizado pola adxudicataria. O acordo aprobouse por unanimidade, ao igual que, a continuación, o convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol para mellorar o servizo da Casa de Acollida de Ferrol, creada no ano 1986 e único centro destas características no ámbito territorial. Os concellos da comarca achegarán 12.436 euros á Mancomunidade no presente exercicio para as melloras a realizar, se ben nas anualidades de 2018 a 2020 a contía ascenderá a 18.782 euros.

En canto ao servizo de Axuda no Fogar, o tripartito naronés –TEGA, PSOE e BNG- e os edís do PP e EU aprobaron a adxudicación do contrato á empresa Clece SA, por un importe máximo de 3.133.278 euros para os dous anos de duración do contrato. Desta cantidade, 3.050.178 destinaranse ao servizo de Dependencia, se ben os 83.100 restantes ao de Libre concorrencia.

A proposta de aprobación de acordos relativos á empresa Mixta Cosma tamén saíu adiante, coa abstención de ENE, acordando conferir ao alcalde, José Manuel Blanco, á representación de Narón na vindeira Xunta Xeral de Accionistas de Cosma SA, na que se someterán a aprobación as contas anuais e se proporá a aplicación do resultado, correspondentes ao exercicio pechado de 2016.

Aprobáronse esta mañá por unanimidade subvencións a clubes e entidades deportivas locais. Destináronse a este fin un total de 39.503 euros e os beneficiarios das subvencións son: o Club Tiro Olímpico El Castro, a Sociedad de Pesca Deportiva Río Xuvia, a Unión Colombófila Mensajeras Mariñas Altas, o Club de Cazadores A Faísca, o Moto Club Fojeteiros, o Círculo de Xadrez Narón, MTB Eskornabois, o Auto Club Clásicos Narón, o Club Deportivo A Solaina, o Club de Fútbol Sala Narón, Pikate Racing, o Club Fútbol Estrela, o Club Deportivo Lodairo, o Club Pádel Narón, a S.C.R.D. Scalextric Club Ferrolterra, a Escola de Kárate A Gándara, o Club Narón Tenis de Mesa e o Club Deportivo Narón. Denegouse a do San Mateo Club de Fútbol, que poderá tramitala en canto achegue a certificación de débedas coa Axencia Tributaria de Galicia, de presentación obrigatoria para optar a estas axudas.

Así mesmo, saíu adiante por asentimento unha declaración institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBQI, para facer visibles os valores da igualdade, o respecto, a diversidade, a liberdade e a non discriminación.
No apartado de mocións, o PP presentou unha para aplicar bonificación no Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica en función das súas emisións, contemplando esta medida na vindeira modificación da Ordenanza fiscal nº 4, reguladora do citado imposto. A proposta dos populares aprobouse por unanimidade da corporación local.

Fóra da orde do día, por vía de urxencia presentáronse varias mocións. Aprobouse, coa abstención do PP a presentada por EU, en apoio ao exdirixente sindical Xesús Anxo López Pintos e rexeitando a aplicación da Lei Mordaza; tamén cos mesmos votos saíu adiante unha do BNG sobre o Plan de Mellora de Camiños Rurais, instando ao goberno galego a incrementar a dotación do citado plan nos concellos e dotalo dun orzamento plurianual. Sobre a proposta impulsada pola Xunta, o alcalde incidiu no feito de que suporá que Narón pase a recibir da administración autonómica de 80.000 euros nunha anualidade a 52.000 nun plan bianual, ao reducirse drasticamente os fondos dispoñibles.

Tamén por vía de urxencia se presentou outra moción do PP, que neste caso non se aprobou, sobre recuperación de espazos fluviais. O alcalde, José Manuel Blanco, incidiu en que o texto debería incluír a petición á Xunta e ao Estado de que se transfiran as competencias dos ríos e costas aos Concellos, para poder actuar nesas zonas sen ter que solicitar permisos ou expoñerse a sancións. Rexeitouse tamén unha de ENE para a adhesión do Concello á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), destacando o rexedor local que desde o Concello de Narón se remiten á APLU todos os expedientes que son da súa competencia.

Finalmente a corporación aprobou cos únicos votos en contra do Partido Popular unha moción contra o peche do CPI Monte Caxado, en As Pontes, comunicado ao centro pola Xunta unilateralmente e sen previo aviso na véspera do remate do curso escolar. Polo tanto, os grupos municipais de Terra Galega, PSOE, BNG, e o Grupo Mixto (ENE e EU) acordaron manifestar o seu apoio á comunidade educativa do CPI Monte Caxado, opoñéndose ao seu peche. Do acordo darase traslado á dirección do centro e á ANPA, ao Concello das Pontes e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …