A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, presentou esta mañá nas instalacións da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, no Val, un proxecto de innovación dixital seleccionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) entre un total de 96 presentados desde diferentes Aulas Cemit de Galicia. Hermida estivo acompañada por Aurora Lage, coordinadora do proxecto; Conchi Lage e Rocío Coira, presidenta e xerente, respectivamente, da citada asociación; Yago Casal, traballador Social da entidade, Ana Armada, axente TIC e responsable da Aula Cemit de Narón, e Manuel Rodríguez, técnico informático do Concello de Narón. Así mesmo, estiveron presentes no acto oito dos nove colaboradores e usuarios do centro implicados directamente na súa implantación. Trátase dunha iniciativa para “poñer en valor os produtos artesanais e do campo e o traballo que realizan os usuarios da asociación nos diferentes obradoiros a través do uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TICs), así como de redes sociais e de canles de venda como experiencia de comercialización on line”, apuntou a edil. O proxecto terá unha primeira presentación e reunión de traballo o vindeiro 22 de xuño en Ourense, aínda que a presentación definitiva se prevé que sexa no mes de setembro en Santiago, e con posterioridade participará no concurso de Cemit Innova denominado “Son Dixital”.
A edil naronesa destacou que o Concello apostou por un proxecto “que dera resposta a unha necesidade real e que incorporara as Tecnoloxías da Información e da Comunicación na vida diaria dos colaboradores, neste caso nos usuarios da Asociación Nuestra Señora de Chamorro”. O Consistorio asume a totalidade do coste do proxecto Innova Narón. Natalia Hermida felicitou aos homes e mulleres que participan activamente nesta iniciativa, “que terá continuidade no tempo e que permitirá achegar as TICs no seu día a día e de maneira transversal nas diferentes actividades, obradoiros, proxectos, etc..”. A concelleira explicou que o equipo que integra Innova Narón habilitou a páxina web: innovanaron.com, cun blog incluído no que os colaboradores ofrecen información creando os contidos como parte do intenso traballo que realizan.
Ademais, a web innovanaron.com conta cunha plataforma de venda online administrada na que os propios colaboradores da asociación son os encargados -previa formación- de expoñer e xestionar os seus produtos artesanais, elaborados na propia asociación. A páxina conta tamén cunha sección de suscrición para recibir as novas, contacto e un apartado tirulado «», no que se explica este proxecto concreto. “Tratase de dar visibilidade ao traballo que desenvolven os usuarios de Chamorro nos obradoiros, nos proxectos da asociación, os seus productos artesanais e de cultivo, e todo contado por eles mesmos, que tamén realizan fotografías e vídeos e preparan os contidos de cada sección e a entrada no seu blog”, apuntou Hermida.
Pola súa banda, a coordinadora do proxecto, Aurora Lage, explicou que un supervisor encárgase de axudar ao equipo de nove persoas no seu labor diario neste proxecto. “Comezaremos coa venda online de delantais e camisetas serigrafiadas, que se realizan nos talleres da asociación, e tamén doutros produtos, como xabróns artesanais e velas”, indicou. No que respecta ao funcionamento, Ana Armada apuntou ademais que a través da división de áreas –fotografía, control de stock, vendas, etc.- o persoal comezará a traballar só. Para dar un maior impulso a esta proposta, as persoas interesadas en subscribirse ás noticias poden facelo a través da páxina web de Innova Narón. Desde alí poderán tamén interactuar a través das redes sociais habilitadas: Facebook e Twitter, ofrecéndose a posibilidade de comentar as entradas do blog que se creou na citada páxina.
Natalia Hermida felicitou ao persoal da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, ao que agradeceu a súa implicación en cantas propostas se formulan desde o Concello. A edil de Novas Tecnoloxías destacou tamén o labor do equipo que participa activamente en Innova Narón, e espera que este proxecto “sirva de experiencia para o posta en funcionamento doutros similares por todo o territorio galego”.