Un total de 1.088 nenos e nenas pasaron polo programa de cribado do Plan galego para a detección precoz da hipoacusia neonatal do Servizo Galego de Saúde no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, durante o pasado ano 2016. Supón o 100% de participación. Tan só 8 foron derivados para unha análise máis fonda, detectándose finalmente un único caso de xordeira neonatal. Dende o inicio do programa, en abril do ano 2005, víronse un total de 13.862 nenos e nenas.
O obxectivo deste cribado preventivo é evitar a xordeira, un problema de especial importancia durante a infancia, xa que pode condicionar o desenvolvemento intelectual e social do recén nado ó estar limitada a información que chega ao seu cerebro a través do oído. As posibles consecuencias da xordeira no neno pódense minimizar mediante a intervención temperá a través da aplicación do tratamento médico-cirúrxico, e a rehabilitación protésica e foniátrica aplicada precozmente.
Estímase que a xordeira infantil -unha das enfermidades conxénitas máis frecuentes presentes no nacemento- ten unha incidencia de entre un e tres por mil neonatos vivos. A maior parte destes déficits auditivos permanentes xa están presentes no período neonatal (0-28 días), o que posibilita que poidan diagnosticarse precozmente.
Dinámica do programa
A base deste programa é a realización dunha proba de cribado auditivo universal a tódolos neonatos antes de que abandonen o centro hospitalario, que conta coa tecnoloxía máis avanzada para a realización da mesma. Esta proba é totalmente inocua e indolora, de curta duración, e de contrastada validez.
Trala realización da proba de cribado, aqueles nenos que non a superan satisfactoriamente (isto pode ser debido á presenza de hipoacusia, ou a outros factores temporais, como a inmadurez do sistema auditivo do recen nado), son derivados ás unidades de diagnóstico e tratamento dos hospitais da rede pública de Galicia coa fin de confirmar ou descartar a presenza de hipoacusia. Trala confirmación do diagnóstico definitivo, favorablemente antes dos 6 meses de idade, os nenos inician, segundo cada caso individual, un tratamento ben médico-cirúrxico ou ben de rehabilitación protésica e foniátrica. A fin é conseguir o máximo beneficio da detección precoz.
Beneficios do convenio coa USC
A Consellería de Sanidade e a Universidade de Santiago de Compostela (concretamente a Unidade de Audioloxía da Escola Universitaria de Óptica e Optometría) manteñen un convenio para a prestación de apoio técnico para o desenvolvemento das actividades relacionadas coa adaptación protésica e seguimento audiolóxico dos nenos diagnosticados polo Programa, dende o ano 2012.
Un dos piares básicos no tratamento dos nenos diagnosticados polo programa é a xa sinalada correcta indicación e adaptación inicial das próteses auditivas, e un correcto seguimento e control da calidade desta adaptación. Os nenos diagnosticados polo programa están sendo beneficiados por este acordo de colaboración, o que significa que accederon de xeito gratuíto ós audífonos que precisaban, e se lles garantiu a súa correcta adaptación e seguimento para obter o máximo beneficio que pode aportarlles o feito de ter participado no programa.