O Concello de Fene certifica o baleirado da antiga depuradora de Maniños

EDAR de Maniños – Concello de Fene

As instalacións da EDAR de Maniños xa están libres de lodos e completamente limpas. Así o certifica un informe elaborado pola Oficina técnica municipal trala inspección realizada o pasado 5 de maio e tamén despois de que o Concello urxise a Viaqua a finalizar os traballos de baleirado «de maneira inmediata«. Rematan así máis de catro anos de tirapuxas entre a administración local e a concesionaria, obrigada en 2016 a asumir os labores de limpeza en virtude dunha sentenza ditada polo Contencioso-Administrativo. Agora toca mirar que vai ocorrer coa vella depuradora, asentada na súa maior parte en terreos de Portos de Galicia. O Concello solicitou este mesmo luns unha nova xuntanza co ente autonómico para falar tanto da demolición destas instalacións como da recuperación para usos públicos da parcela de Fondomar.

O executivo local xa se reunira a finais de novembro con representantes de Portos de Galicia para por en común puntos de vista sobre a recuperación da ribeira de Barallobre comprendida entre o cabo da rúa da Riveiroa e o peirao de Maniños. Son uns 400 metros de liña portuaria cun alto valor paisaxístico e social. No punto medio encóntrase a lonxa da confraría de Barallobre flanqueada por unha área arborada e polo paseo marítimo Bieito Cupeiro. En ambos estremos, dúas ruínas: nunha punta as da nave de Fondomar –dentro dunha parcela pechada de 3.300 m– e, na outra, as da EDAR de Maniños, en desuso trala entrada en funcionamento da macrodepuradora de Chanteiro.

A empresa Viaqua, concesionaria da auga e do saneamento, rematou recentemente os traballos de baleirado das instalacións da depuradora, tal e como se certifica nun informe municipal froito dunha inspección realizada o pasado 5 de maio. Nel constátase que nas balsas xa non quedan restos de lodos –no fondo só hai unha fina lámina de auga da chuvia dos últimos días– e que os traballos non se limitaron unicamente ao traslado dos resíduos, senón que tamén se aprecia «a limpeza interior dos paramentos e o fondo dos tanques«.

Ademais de verificar o baleirado, o informe técnico municipal tamén avalía o estado actual dos elementos construtivos e do equipamento e, neste sentido, remata recomendando dar de baixa a instalación e a súa demolición tanto por cuestións de ornato como de seguridade. Esta recomendación coincide coa intención de Portos de Galicia para a nave da antiga Fondomar, que o ente público prevé tirar abaixo este mesmo ano por tratarse dun inmoble irrecuperable para novos usos.

Así as cousas, coa depuradora libre de resíduos e con Portos decidido a actuar na zona, o goberno local solicitou xa unha nova reunión cos responsables do organismo para avanzar «no interese común por recuperar a ribeira de Barallobre«, tal e como dixo Juventino Trigo. No encontro o executivo municipal daralle conta a Portos de Galicia da finalización dos traballos de baleirado da EDAR e pedirá información sobre o estado do proxecto de demolición da nave de Fondomar. A este respecto, o Concello xa suxerira en novembro incluír nese mesmo proxecto o derrubado da depuradora, algo para o que «agora hai vía libre«, puntualizou Trigo.

Alén das cuestións inmediatas, no encontro o executivo tamén agarda perfilar o futuro da área para que, nunha segunda fase, se poida habilitar «cunha utilidade social«. A proposta municipal para a parcela de Fondomar é convetela nun espazo dotacional para a actividade marisqueira, pero tamén para o lecer e o deporte. Nela poderían situarse dependencias para a reparación de embarcacións e outro material de traballo de mariscadores e mariscadoras, espazos para entidades relacionados coas actividades acuáticas –como por exemplo a vela, o piragüismo ou o submarinismo– e incluso cabería a posibilidade de destinar unha parte a usos hostaleiros.

En calquera caso, segundo Juventino Trigo, «neste momento o importante é adecentar a zona e ter claros os usos que se lle queren dar a curto prazo a estes terreos propiedade de Portos de Galicia. Para nós o seu futuro debe pasar pola posta en valor da ribeira desde un punto de vista ambiental, social e económico«.

Lea también

“IV Jornadas micológicas de Neda”

La Asociación micolóxica Viriato organiza la próxima semana, con la colaboración del Ayuntamiento, las “IV …