Nova xornada de voluntariado para poñer en valor a Horta de Quinín

Voluntariado na horta noutra xornada – Agrupación Caamouco

A Comisión da Horta de Quinín, composta pola Agrupación Instrutiva de Caamouco e a Asociación Betula, convoca unha nova sesión de posta en valor da parcela. A xornada de voluntariado está programada para o vindeiro 6 de maio, a partir das 10:00 horas da mañá.

Os traballos programados baséanse na retirada de maleza e recollida de pedras, para preparar o terreo para as futuras plantacións. Tamén se eliminará o lixo que aínda se acumula nalgúns puntos da parcela. Ao mesmo tempo, levarase a cabo unha delimitación da propiedade. A organización ofrecerá a media mañá un almorzo.

Esta é a terceira xornada de voluntariado que se organiza para recuperar a coñecida como Horta de Quinín. O obxectivo é transformar esta leira, en desuso dende hai 18 anos, nun espazo verde didáctico polivalente no que se poñan en valor as especies autóctonas e se promova o respecto ao medio ambiente e á biodiversidade.

A intención dos responsables do Horta de Quinín é que o proxecto estea a pleno funcionamento antes de que remate o ano. Será entón cando se leve a cabo unha plantación de froiteiras autóctonas, como maciñeiras, pereiras e ameixeiras, que ocuparán a meirande parte da superficie. O resto do terreo destinarase a microespazos para cursos de formación e a hortos individuais, destinados á veciñanza que os solicite.

Lea también

Apelón Educación ultima en Mugardos polo Nadal un programa de actividades culturais

Este Nadal, Mugardos acolle un pequeno programa de actividades culturais promovido por Apelón Educación, pensado para …