Do 26 ao 28 de outubro ábrese o prazo de inscrición para a rapazada nedense que queira participar e, en días sucesivos, poderá apuntarse xente de fóra.

En marcha os preparativos para a “Senda das ánimas”. O sábado 31 de outubro será o día elixido polo Concello de Neda para celebrar o Samaín e o seu tradicional magosto. O núcleo urbano centralizará a programación festiva, cun renovado itinerario de terror como principal aposta. O percorrido pola rúa Real incluirá desta volta algúns retos que haberá que superar para avanzar. O luns abren as inscricións para a rapazada da localidade.
De forma continuada, entre as 19:00 e ás 21:00 horas, está previsto que sucesivos grupos de 20 persoas realicen o traxecto por un treito da rúa Real, concibido como unha sucesión escenas e tamén retos participativos.
Unha aventura, na que non faltarán nin terroríficas sorpresas nin sustos, que estará concibida fundamentalmente para o público infantil e xuvenil (menores de idade). Non obstante, os nenos pequenos terán que ir acompañados de adultos.
As prazas na “Senda das ánimas” serán limitadas. Con todo, a actualización do formato, con elementos de xincana e túnel de terror incluído, permitirá gañar axilidade e facilitará que o número de participantes se duplique, chegando ata o medio milleiro.
Inscricións
Os días 26, 27 e 28 de outubro, é dicir, do luns ao mércores da vindeira semana, estarán abertas as inscricións para veciños e veciñas de Neda na biblioteca municipal, ou chamando 981390233. Os días 29 e 30 (sempre que queden prazas vacantes) poderá anotarse a rapazada doutras localidades.
De forma simultánea á “Senda das ánimas”, o Concello celebrará o tradicional magosto, aberto ao conxunto da cidadanía. A cita, na que se poderán degustar as típicas castañas asadas e máis os habituais boliños preñados, desenvolverase na Casa das palmeiras e a súa contorna e contará coa animación musical dun dj.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.