Con motivo da vindeira celebración do Día das Letras 2017, a Concellería de Cultura de Fene e e os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do concello convocan a sétima edición do concurso de Microrrelatos e o cuarto Certame de Creación Artística “En galego? É o noso!”. Ambos os dous concursos están dirixidos ao alumnado dos centros educativos do Concello de Fene.
Os/as rapaces/as interesados/as en participar no VII CONCURSO DE MICRORRELATOS deberán elaborar un texto narrativo en lingua galega, que non poderá exceder as 150 palabras (microrrelato) e que, partindo do tema proposto este ano que son “As columnas `Á marxe´ de Carlos Casares”, comece polo seguinte texto: O gato Samuel
O concurso constará de dúas fases: unha interna e outra intercentros. Na fase interna os traballos elaborados serán entregados ao profesorado encargado deste concurso en cada centro educativo e será o propio centro quen decida a composición do xurado. Para a fase intercentros, os traballos seleccionados (máximo de dous por categoría) recolleranse por persoal do Departamento de Cultura nos centros de ensino participantes.
Os traballos virán acompañados dun sobre pechado, que será o único lugar no que constarán os datos identificativos do/a autor/a do traballo. As persoas menores de idade terán que incluír no sobre, obrigatoriamente, un escrito asinado polo seu represente legal (pai/nai/titor/a) no que se faga constar que aceptan as bases da convocatoria e autorizan á persoa menor de idade a participar no concurso así como fotocopia do DNI do/a participante.
O xurado estará composto por unha comisión formada por dous membros de cada centro escolar participante (un/ha profesor/a e un/ha alumno/a) e un representante do Concello que ditaminará sobre o concurso de xeito inapelable, podendo declarar os premios desertos. Os/as membros do xurado non poderán votar os traballos presentados polo seu propio centro.
Establécese un único premio por categoría.
a) 5º e 6º curso de Primaria, único premio: vale por un importe de 100 € en libros e/ou material escolar.
b) 1º e 2º curso de ESO, único premio: vale por un importe de 100 € en libros e/ou material escolar.
c) 3º e 4º curso de ESO, único premio: vale por un importe de 100 € en libros e/ou material escolar.
d) Bacharelato e Ciclos Formativos, único premio: vale por un importe de 100 € en libros e/ou material escolar.
Ademais, o Concello de Fene editará en formato papel e dixital (páxina web do Concello) todos os micorrelatos da fase intercentros.
O prazo para entregar os traballos ao Xurado remata o venres 5 de maio na fase interna (entregar no propio centro educativo) e o venres 19 de maio para a fase intercentros (entregar na Área de Normalización Lingüística do Concello). O resultado darase a coñecer por parte do Concello de Fene na páxina web municipal e a todos os centros de ensino participantes.
A entrega de premios e presentación da publicación cos microrrelatos terá lugar na Casa da Cultura en data a determinar.
En canto ao IV CERTAME DE CREACIÓN ARTÍSTICA “EN GALEGO? É O NOSO!”, dende a Concellería de Cultura de Fene infórmase de que os/as participantes deberán presentar unha composición plástica orixinal en calquera destas modalidades: debuxo, pintura, colaxe e fotografía ou, de ser alumno/a de 2º ciclo da ESO, Bacharelato ou ciclos formativos, nalgún soporte relacionado coas TIC (vídeo, 3GP, flv, avi, mp4, mov ou calquera outro de uso habitual). As obras en soporte relacionado coas TIC poderán ter un espazo máximo de 10 MB.
Ademais, para a realización da súa obra, os/as rapaces/as deberán inspirarse en calquera dos poemas recollidos na escolma de poetas contemporáneos que se inclúe nas bases (anexo I), indicando o texto seleccionado e se a súa autoría é individual ou colectiva, en función da categoría na que concurse (Educación Infantil; 1º/2º/3º de educación primaria; 4º/5º/6º de educación primaria; ESO; Bacharelato e Ciclos Formativos).
A participación nos niveis de educación infantil e 1º, 2º e 3º de educación primaria será colectiva; isto é por curso, aula ou grupo de alumnos/as mentres que nos restantes niveis será a título individual coas matizacións indicadas na Base 3ª para os soportes TIC.
Os traballos a concurso terán que se axustar ás seguintes dimensións: tamaño cartolina, formato A-3 ou tamaño A-4.
Igual que no certame de microrrelatos, os centros participantes desenvolverán as súas actividades en dúas fases (interna primeiro e logo intercentros).
Na primeira fase realizaranse actividades que relacionen o mundo da expresión poética co da expresión plástica ou as novas tecnoloxías. Nesta fase interna, a dirección/profesorado de cada colexio seleccionará tres obras por nivel, agás na modalidade das novas tecnoloxías, na que cada centro poderá enviar unha polo nivel da ESO, unha de Bacharelato e unha de Ciclos Formativos.
Os centros deberán presentar os orixinais seleccionados no Departamento de Cultura e Ensino antes do vindeiro 19 de maio de 2017.
Os centros participantes recibirán, en concepto de axuda á participación, un vale para adquisición de material escolar cuxa contía dependerá do número de alumnos/as do centro segundo a seguinte ratio: de 5 a 25 alumnos/as, 25 €; de 25 a 100 alumnos/as, 100 €; de 100 a 350 alumnos/as, 300 €; máis de 350 alumnos/as, 400 €.
Todos os orixinais presentados na fase intercentros pasarán a ser propiedade dos centros de ensino nos que estean matriculados os/as alumnos/as seleccionados/as. O Concello de Fene resérvase o dereito a utilizalos nas súas publicacións, citando sempre a autoría do traballo.
Coas obras seleccionadas o Concello de Fene realizará unha exposición pública que se inaugurará durante a primeira quincena do mes de xuño na Casa da Cultura de Fene.