O Parque Natural das Fragas do Eume ofrece oito rutas distintas para coñecer o seu patrimonio cultural

A Consellería de Medio Ambiente invita á sociedade a coñecer o Parque Natural das Fragas do Eume a través das oito rutas distintas, que permiten achegarse e gozar de primeira man do patrimonio natural, dos valores ambientais que fan destes espazos uns lugares únicos e da súa beleza paisaxística.

A Consellería de Medio Ambiente vén de editar uns folletos informativos con información específica e relativa a cada un dos seis parques naturais cos que conta Galicia. Esta é unha das medidas que recolle o Plan de promoción e posta en valor do Patrimonio Natural, posto en marcha polo actual Goberno; xunto co novo servizo de atención aos visitantes nos parques naturais de Galicia, cuxo obxectivo é a concienciación ambiental da sociedade e a divulgación e promoción do turismo de natureza sostible.

As Fragas do Eume, que se estenden por un abrupto val de profundas gargantas, presumen de ser o bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa e un dos escasísimos bosques do seu tipo no continente. Abarca un total de 9.125 hectáreas, sendo declarado Parque Natural, o quinto de Galicia, o 12 de agosto de 1997. En extensión, é o segundo maior dos parques naturais tras o Xurés (Ourense), de case 30.000 hectáreas.

Así, no Parque das Fragas do Eume os visitantes teñen a posibilidade de realizar un total de 8 rutas, a meirande parte de dificultade baixa, das cales a metade son circulares, con inicio e fin no mesmo punto, e a outra metade lineais.

No seu conxunto, os roteiros suman un total de 61 quilómetros, entre as que destaca o Camiño de Fontardión, cunha lonxitude de 15 quilómetros; tamén é a de maior percorrido de tempo, xunto co Camiño dos Cerqueiros, xa que se precisan tres horas para completar o itinerario. Asemade, só tres das oito rutas son aptas para realizar en bicicleta: Camiño Cumios de Sanguiñedo, Camiño dos Cerqueiros e Camiño de Pena Fesa.

Dende a Consellería de Medio Ambiente sinálase unha serie de recomendacións, para gozar da beleza e da riqueza natural e patrimonial deste parque, como o traballo do río Eume, que labra no seu curso final un gran canón envolto en brétemas que garda un extraordinario tesouro botánico.

Recoñecer algunha das especies de fieitos que persisten agochadas desde o período xeolóxico Terciario (despois de que os últimos dinosauros se extinguisen) baixo a sombra de carballos, castiñeiros, bidueiros e ameneiros. Identificar algunha das máis de cen especies de aves e corenta de mamíferos conviven con peixes como a troita ou o reo, especies endémicas de invertebrados e réptiles difíciles de atopar noutros lugares, como a ra ibérica.

Asemade, a pegada humana no Parque está presente en restos prehistóricos, nos monumentos da época medieval (mosteiros de Caaveiro e Monfero) ou en elementos etnográficos como as curripas que testemuñan os usos e aproveitamento destes montes ata o s.XX. As vistas desde o mosteiro de Caaveiro, insignia das Fragas do Eume situado no mesmo corazón do Parque, e desde os catro miradoiros habilitados en todas as estacións do ano.

Ruta 1, Camiño dos Encomendeiros

Comeza en Cal Grande, no Concello de Pontedeume e é á unica ruta na que se diferencian tramos (tres): Tramo 1. Da ponte de Cal Grande á ponte de Fornelos: 3 km; Tramo 2. Da ponte colgante de Fornelos á ponte de Santa Cristina (ou de Caaveiro): 2,5 km.Tramo 3: o tramo que rodea o mosteiro.

Coa ponte colgante do Cal Grande como punto de inicio, esta ruta discorre río arriba ata acadar o río Sesín. Desde aquí, o itinerario virá á esquerda cara ao Mosteiro de Caaveiro e descende ata a ponte de Santa Cristina sobre o Eume. Hai outras opcións ou percorridos xa que a lonxitude da senda pódese acurtar iniciándoa na ponte colgante de Fornelos.

A dificultade é baixa, é unha ruta lineal a pe e cunha distancia de 5,5 km.

Camiño da Ventureira

O itinerario, cunha lonxitude de 6 km, discorre emboscado polo máis profundo do canón. Pasa pola minicentral do Parrote e remata na ponte de Santa Cristina en Caaveiro. O camiño de regreso faise por unha pista forestal a media ladeira, desde a que se ven unhas boas panorámicas do Mosteiro de Caaveiro entre a densa vexetación das fragas.

Trátase dunha ruta circular, que só se pode facer a pé e de dificultade baixa. O inicio e fin está na Ponte de Santa Cristina, en Monfero.

Ruta lineal de Cumios de Sanguiñedo

Esta senda lineal, que nace en Portela de Montelongo, descende desde a Portela de Montelongo (635 m) hasta as casas de Torre de San Bartolomeu (390 m). O longo percorrido conduce polas Penas do Teixo, un lugar con boas vistas panorámicas que dan idea do resto da ruta. Cara ao norte parte do canón do Eume e o monte Fontardión e ás costas, Pena Cavada e os montes de Montelongo. Ten unha lonxitude de 8,5 km e presenta unha dificultade baixa e tamén é apta para percorrela en bicicleta.

Tres horas para percorrer o Camiño dos Cerqueiros

Trátase dunha ruta circular que comeza e acaba na Portela de Montelongo, no Concello de Monfero, de dificultade baixa e apta para facela en bicicleta.

A ruta dos Cerqueiros ofrece unha boa aproximación a todos os ecosistemas do Parque. Comeza nos piñeirais das zonas máis altas, desde onde descende ata as fragas cubertas de liques máis próximas ao encoro. Ofrece boas vistas do municipio das Pontes de García Rodríguez e do val do Xestoso desde o miradoiro do monte da Carboeira, preto da casa dos Esterqueiros.

En bicicleta no Camiño de Pena Fesa

O camiño discorre polos montes da Marola e Pena Fesa (709 m); este último é un dos máis elevados da provincia da Coruña. A meirande parte da ruta, con excelentes vistas, faise por pistas forestais despexadas e estradas sen tráfico. Este percorrido é especialmente recomendable para facer con nenos a partir de seis anos.
O inicio e a fin desta ruta de dificultade baixa, é na Marola, en Monfero. Ten unha lonxitude de 10 km.

Ruta 6 Camiño da Pasada Vella

O camiño parte das proximidades de Torre San Bartolomeu, bordea a Pena dos Mouros e chega ata o encoro de onde parte o túnel que alimenta de auga a central hidroeléctrica de Ventureira, un furado na montaña de máis de dous quilómetros de lonxitude e tres metros de diámetro. Volve sobre si mesma e regresa por unha derivación á esquerda ao lugar de Torre.

Esta senda pasa preto dunha das zonas de reserva do Parque Natural, polo que cómpre non desviarse do itinerario.

É outras das catro rutas circulares, que comeza nas inmediación da Torre de San Bartolomeu, Monfero. Ten unha lonxitude de 4,5 km, de dificultade baixa e que só se pode realizar a pé.

15 Km polo Camiño de Fontardión

Esta ruta lineal de 15 quilómetros parte desde o lugar do Gallel e pasa a carón dos Altos de Fontardión, onde poderemos ver vacas do país e bestas adaptadas a pacer no monte baixo. Logo pásase pola área recreativa e miradorio de Teixido, onde se pode apreciar unha marabillosa panorámica da paisaxe do canón do río Eume, o encoro e as fragas altas. O último tramo achéganos, a través dunha pronunciada baixada polas fondosas fragas, ata a vella central hidroeléctrica da Ventureira.

Camiño dos Corzos

Esta ruta de dificultade media, de 3km, lineal e que só se pode percorre a pé, comeza na Portela de Montelongo, no Concello de Monfero. Comeza no primeiro tramo da senda dos Cerqueiros, nunha zona de matogueira. No traxecto cruzaremos primeiro matogueira baixa de queiroas e toxos, unha zona de pasto e introducirémonos a continuación nunha fraga de carballos de bidueiros seguindo o antigo camiño que unía as aldeas de Teixeiro e Os Esterqueiros. O final lévanos outra vez á senda de Cerqueiros, moi preto do miradoiro da Carboeira.

Lea también

Cabanas conta cun novo aparcadoiro de uso gratuito

O concello de Cabanas informa da apertura do aparcadoiro no Campo do Oito, sendo sen …