Presentado en Narón o video divulgativo da raza autóctona «Can de Palleiro»

O presidente do Club Raza Can de Palleiro, Ernesto Fernández, presentou na mañá deste sábado no Café Teatro do Pazo da Cultura o vídeo divulgativo da raza autóctona Can de Palleiro “ElPerroIdeal”. A convocatoria deu comezo ás 11.00 horas, e no transcurso da mesma o representante do citado clube deu a coñecer a iniciativa online cun vídeo gravado orixinalmente en castelán –para divulgar a raza fóra de Galicia-, e que posteriormente se doblou ao galego, ao ser desta comunidade a maioría dos socios do citado clube. Na actualidade, a raza de can de palleiro está en perigo de extinción, tal e como apuntaron. Á convocatoria asistiron, en representación do Concello naronés, o alcalde, José Manuel Blanco, a vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro e o edil Manuel Ramos

Este traballo é a culminación dun proxecto da xunta directiva do Club Raza Can de Palleiro, porque vimos a necesidade de contar cunha tarxeta de visita que nos permitise presentar esta raza á poboación dun xeito agradable”, explicou Ernesto Fernández, que asegurou que “pareceunos que o mellor modo de facelo era a través deste vídeo”. A campaña promociónase como “ElPerroIdeal” ou “OCanIdeal” e aposta por destacar a capacidade do can de palleiro como animal de terapia e tamén como elemento socializador para menores e anciáns. Ao mesmo tempo, promociónase esta raza como multidisciplinar e equilibrada, incidindo no feito de que se trata dun can de familia “ideal”.

Os representantes do Club Raza Can de Palleiro continúan traballando noutro vídeo, dunha duración maior e que terá unha orientación máis profesional, tal e como avanzou Ernesto Fernández. O presidente do clube agradeceu a colaboración prestada polo Concello de Narón, o Padroado da Cultura de Narón e a Escola de Teatro da cidade.

As redes sociais xogarán un papel fundamental nesta campaña, tal e como indicaron os impulsores da mesma. Baixo o hashtag #ElPerroIdeal e #OCanIdeal –para as versións en castelán e galego, respectivamente- promoverase esta iniciativa do Club Raza Can de Palleiro. Este clube constituíuse no ano 2002 e na actualidade conta con máis de seiscentos exemplares de cans desta raza inscritos en Galicia e noutras comunidades españolas e tamén en países, como Portugal, Holanda, Brasil, etc.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre o clube poden consultar a súa páxina web: www.clubcandepalleiro.com ou o seu facebook: Club Raza Can de Palleiro. A campaña lanzouse nas redes ás 12.00 horas de hoxe, unha vez rematado o acto de presentación oficial da curtametraxe.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …