A localidade romanesa de Piatra-Neamţ é escenario durante esta semana dun dos últimos encontros de traballo do proxecto ECMYNN, no que participa o Concello de San Sadurniño xunto con entidades de Polonia, Grecia, Italia e da propia Romanía. O ECMYNN –acrónimo de Enhancing Competences to Meet Young Neet’s Needs– é unha iniciativa financiada polo programa europeo Erasmus + coa que se busca crear un manual de boas prácticas dirixido a organismos públicos e privados que traballen coa mocidade, principalmente no ámbito educativo, da dinamización xuvenil e da prospección de oportunidades sociolaborais para a xente nova. No encontro de Romanía –onde actúa como anfitrioa a asociación Ascetis– estanse poñendo en común os traballos desenvolvidos até o momento dos que sairá o documento final ao que posteriormente se lle dará difusión internacional. O proxecto darase por rematado en xuño deste ano, pero antes daquela celebraranse cinco sesións de presentación de resultados, unha en cada país participante.
En San Sadurniño o ECMYNN levouse adiante desde 2015 en catro fases. Unha primeira de implicación das entidades veciñais e outros axentes sociais como ponte para conectar coa mocidade; a segunda centrada na investigación sociolóxica con máis de 200 enquisas realizadas entre a xente nova para detectar necesidades e preferencias; a terceira consistente na organización de dous encontros con xuventude menor de 35 anos cunha dobre finalidade, mostrarlles a Casa da Xuventude como un recurso que poden utilizar cando queiran e fomentar que sexan eles e elas quen marquen as políticas municipais dirixidas aos mozos e mozas. Por último, a cuarta fase, transversal a todas as anteriores, ocupouse e ocúpase de dar a coñecer tanto o proxecto como os seus obxectivos.
Unha das principais conclusións que se tiran da investigación –e tamén dos testemuños da rapazada– é que a información producida polo Concello non lles chega, malia existir plataformas como Facebook, Twitter, a web municipal e, máis recentemente, Instagram. Esta última é unha das que, para a xuventude, pode ser máis efectiva xunto co whatsapp. De feito, o Concello tomou nota das suxestións e ten previsto dar de alta un servizo de mensaxería instantánea dirixido tanto á mocidade como á poboación adulta, aínda que con grupos específicos de acordo cos seus intereses.
Outra das conclusións ás que se chegou nos últimos meses apunta a que en San Sadurniño non existen casos de xente moza que se axuste ao perfil NEET –ninnin-. «No caso de San Sadurniño a existencia de ninin é máis que discutible. Hai poucas situacións e as que hai non entrarían na categoría de persoa que non quere traballar nin estudar«, explica o sociólogo Ismael Blanco.
Neste sentido, a investigación e a dinamización social revelaron que a mocidade «ten máis claro do que nos parece» o que quere facer e mesmo que tipo de actividades require. Ademais das propias do lecer, tamén propuxeron a realización de accións formativas en competencias transversais, como por exemplo as habilidades sociais ou a comunicación pública «á que a xente nova lle ve moita utilidade«.
Accións que terían na Casa da Xuventude o seu escenario ideal aínda que, iso si, condicionado a que as programacións tanto dentro do edificio como fóra respondan ás demandas da mocidade. De aí que outro dos obxectivos municipais marcados pola investigación sexa o de «empoderar a mocidade» na toma de decisións sobre programas e incluso sobre o modelo de xestión e os servizos que deberá prestar o novo recinto para a mocidade.
Estes son algúns dos datos que se expoñen en Romanía durante estes días nun encontro ao que asisten o Técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, e o sociólogo Ismael Blanco, encargado da parte demoscópica e de dinamización social. Segundo comentan os técnicos, un dos apartados que máis chama a atención das entidades socias no ECMYNN é «a involucración no proxecto do tecido asociativo e da mocidade de San Sadurniño, xa que nas xuntanzas formais e informais convocadas participaron arredor de 120 rapaces e rapazas«.
Na xuntanza de traballo que se celebra ata mañá na localidade de Piatra-Neamţ, San Sadurniño tamén proxectou un vídeo sobre os encontros da mocidade celebrados a finais de outubro de 2016 no que, ademais, se resumen boa parte dos resultados da investigación. A reunión de persoal técnico das cinco entidades socias no ECMYNN busca por en orde eses resultados para darlles forma nunha guía de boas prácticas pensada para calquera organismo público ou privado que traballe coa mocidade e que teña entre os seus obxectivos minimizar os casos de rapazada que nin estude nin traballe.