A AGA-Ferrolterra e San Sadurniño implican o alumnado do CPI na loita contra a avespa asiática

Instante da charla – Concello de San Sadurniño

Encontrámonos na época en que, se cadra, é máis efectiva a loita contra as avespas asiáticas. As raíñas fundadoras de novas colonias saíron recentemente do seu letargo invernal e xa andan construíndo os niños nos que sacar adiante a súa primeira remesa de crías. Por cada raíña que se elimine neste momento haberá un niño menos do que preocuparse no verán e no outono, cando as velutinas dezman as colmeas e arrasan coa froita. O Concello de San Sadurniño, a AGA-Ferrolterra e a Casa do Mel de Goente iniciaron este luns unha nova rolda de charlas polas parroquias co obxectivo de promover o trampeo masivo en todo o territorio. Xunto coas sesións nos locais sociais, tamén houbo unha charla para o alumnado do CPI que, ademais, leva aparellado un concurso. Haberá tres premios para quen capture máis raíñas de aquí ao 18 de maio. Os agasallos entregaranse no centro de ensino o 20 de maio, cadrando co Día Mundial das Abellas.

A sesión para a rapazada do colexio público desenvolveuse durante a tarde deste martes impartida por persoal da delegación da Asociación Galega de Apicultura en Ferrolterra. Nunha primeira parte centrouse en recordar a importancia das abellas para a conservación dos ecosistemas e en repasar as ameazas que merman os enxames, como son os fungos, os parasitos, a polución ambiental, os pesticidas e, máis recentemente en Galicia, a vespa velutina nigrithorax.

Na charla explicouse o seu ciclo vital. Lembrémolo: saen do letargo a finais do inverno, constrúen un niño primario pouco maior có ourizo dunha castaña no que crían un pequeno exército e, andando a primavera, cambian a un lugar máis elevado para empezar a edificar o niño secundario, que irá medrando en tamaño e ocupantes até finais do outono. Nas primeiras semanas do inverno os niños quedan baleiros e as novas raíñas fecundadas –só as raíñas– gárdanse en buratos para hibernar… e despois, volta a repetir o ciclo.

Durante as distintas épocas do ano tamén cambian o seu comportamento. Agora chuchan nas plantas e flores coma calquera abella e desde mediados ou finais da primavera e boa parte do verán o tempo váiselles case todo en atacar as colmeas para obter proteína coa que alimentar a súa prole larvaria. A partir do outono, coa colonia na súa plenitude, veremos centos de avespas papando figos, mazás, uvas e calquera froita madura, non porque muden as súas preferencias –as avespas adultas non son carnívoras, só cazan para as crías-, senón porque se trata dun alimento abondoso e doado.

Agora atopámonos no intre en que a loita mediante trampas semella dar mellor resultado. As estimacións da AGA apuntan a que unha campaña intensa de trampeo durante a primavera pode reducir os niños dunha zona concreta ata nun 75%. Pero para iso hai que colocar trampas a feito, sexan compradas ou elaboradas na casa cunha botella de plástico. Os lugares ideais son cerca das camelias e doutras árbores en flor e nos arredores de calquera lugar onde se atopase un niño secundario o ano pasado. Como líquido atraente pode usarse un preparado comercial ou, mellor aínda -e máis barato-, unha mestura dun 40% de cervexa, un 40% de viño branco e un 20% de licor de arandos ou calquera outra froita.

Na charla desta tarde na Casa da Cultura explicouse tamén como facer as trampas e o líquido atraente co obxectivo de que a rapazada se convirta en loitadora activa contra a velutina. Desde a AGA propúxoselles un reto con premio final: os tres mozos e mozas que máis raíñas capturen desde hoxe ata o 18 de maio levarán un pequeno agasallo. O alumnado que se anime a participar no concurso deberá entregar os exemplares capturados no centro de ensino o propio 18 de marzo e os premios entregaranse o día 20, data oficiosa de celebración do Día Mundial das Abellas.

Charlas polas parroquias

Namentras, continúan polas parroquias as charlas organizadas polo Concello en colaboración coa AGA-Ferrolterra e coa Casa do Mel de Goente. Comezaron onte luns en Santa Mariña do Monte e hoxe tócalle a Igrexafeita. Mañá mércores a charla terá lugar no local social de Bardaos, o venres no Camiño Arriba e no local social de Lamas, o luns da semana que vén en Naraío, o martes na Casa da Xuventude e o mércores 5 de abril finalizarán no local social da Seara, en Ferreira.

Todas as sesións comezan ás 18.00h. e ademais de insistir na importancia do trampeo de primavera tamén se falará sobre como está evolucionando a invasión, sobre os avances na investigación do seu comportamento e sobre os pasos que se deron para atopar un método de loita efectivo.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …