O Concello de Narón adheriuse á décima edición da campaña “La Hora del Planeta 2017”, impulsada por WWF España en máis de sete mil cidades do mundo co fin de apoiar a loita contra o cambio climático e contribuír a que o Acordo París –que impulsa medidas para reducir a emisión á atmósfera de gases de efecto invernadoiro– sexa unha realidade. Con motivo desta iniciativa, na xornada de mañá sábado, o goberno local comprometeuse, entre outras iniciativas, a apagar a iluminación exterior do Pazo da Cultura e da glorieta de Freixeiro entre as 20.30 e as 21.30 horas.
Baixo o lema “El Planeta primero. Que nadie te pare” este ano a campaña aposta por transmitir unha mensaxe de esperanza para demostrar que o movemento polo clima é imparable en todo o planeta, tal e como indicaron desde a organización. “Para o goberno local é unha honra poder participar nesta iniciativa global en defensa do noso planeta, porque o cambio climático aféctanos a todos e desde os concellos tamén debemos aportar o noso gran de area e contribuír na medida do posible á erradicación deste grave problema”, indicou o rexedor local, José Manuel Blanco.
O compromiso do Concello de Narón con este tema é firme. Mostra disto é, tal e como recordou o rexedor local, o feito que o ano pasado destinouse unha partida duns 800.000 euros –500.000 procedentes das arcas municipais e os restantes do PAS da Deputación da Coruña– para substituír antigas luminarias por outras led en viais en Río do Pozo e en zonas do barrio da Gándara, así como nos pavillóns deportivos municipais das Lagoas e Campo da Serra, en Santa Icía. Entre os obxectivos destas actuacións impulsadas desde o goberno local, a maiores dun importante aforro no consumo enerxético, está a considerable redución das emisións de dióxido de carbono (CO2) á atmósfera. Este tipo de intervencións continuarán executándose nos vindeiros meses, tal e como se avanzou.
O director de WWF España, Enrique Segovia, agradeceu a colaboración do Concello de Narón e o seu compromiso coa “Hora del Planeta 2017”, incidindo en que “os concellos son un aliado fundamental neste movemento imparable polo clima e nos últimos anos xa demostraron que están dispostos a amosar o camiño para solventalo”. O ano pasado participaron nesta campaña máis de trescentas localidades españolas, recordou Enrique Segovia.
Así mesmo, e a modo de colaboración, desde o Concello anímase á cidadanía a sumarse á campaña “La Hora del Planeta 2017” para aforrar enerxía tanto nos seus fogares como nos seus desprazamentos na xornada de mañá, entre as 20.30 e as 21.30 horas.