Levamos dúas semanas coa actualidade audiovisual de San Sadurniño -e incluso do resto de Galicia- centrada no vídeo da «Marihuana na horta» protagonizado por Maruxa da Laxe e Carmen Couce e publicado na canle de youtube de «Teño unha horta en San Sadurniño«, o proxecto de inclusión sociodixital posto en marcha por Carmen Suárez desde a Aula CeMIT. A peza gravouse o ano pasado, pero cobrou relevancia nas redes despois de que o Land Róber da TVG se fixese eco do caso. E nesas estamos, con case 130.000 visitas en youtube e coas súas protagonistas convertidas en estrelas televisivas por obra e gracia da frescura do vídeo e do tirón mediático de Roberto Vilar. E neste contexto temos que referirnos tamén á outra canle de Fálame, a dedicada ao Chanfaina Lab, que este venres nos trae a estrea virtual de «Mañá cocemos«. Unha peza realizada por Abel Vega que loitará contra a «maría» e ese fenómeno de contraprogramación involuntaria que se está dando estes días entrambas canles de youtube impulsadas por Fálame. Ou quizais non, quizais ata sexa beneficioso poque, se cadra, o vídeo da marihuana ventureira produce un efecto chamada cara a todo o que hai publicado tanto en «Teño unha horta en San Sadurniño», no «Chanfaina Lab» e no resto dos contidos dispoñibles en falamedesansadurnino.org. Sobre Abel como figura creativa e comprometida coa cultura escribe nesa mesma páxina o profesor Manolo González nun artigo que reproducimos deseguido integramente.
O veciño de Igrexafeita Abel Vega xa nos sorprendera na 2º edición da Chanfainalab. Traballou arreo durante toda a vida na construción, mais unha enfermidade laboral apartouno do seu oficio. Inquedo e activo, aos seus 58 anos, segue a vivir unha segunda xuventude. Como el mesmo afirma con humor, agora dispón de tempo para atender ás catro galiñas da casa, colaborar no que pode coa Asociación veciñal Adiante Igrexafeita, tocar o acordeón e gravar vídeos con vocación didáctica, que perpetúen a memoria local tanto a nivel patrimonial como etnográfico. En Fálame de San Sadurniño poden verse algúns dos seus filmes e comprobar o seu amor por moitos recunchos da paisaxe humana e natural da súa patria da infancia, a querida parroquia de Igrexafeita.
Nesta edición, Abel tivo tempo para cavilar sobre o tema do seu filme. Despois de gravar varias videocartografías dos muíños do seu entorno, pareceulle natural continuar o proceso da fariña moída polo rodicio ata o seu seguinte fito: a fabricación do pan en forno de leña. Abel pensa que a civilización moderna está botando a perder unha das costumes mais auténticas do campo galego: a elaboración do pan en fornos de casa. «É unha tradición que había e que desgraciadamente estase a perder. Antes aquí, en Igrexafeita, cocíase en todas as familias. Eu construín un forno na miña casa e gravei o vídeo para que quede o recordo de cómo se facía. Todo canto se ve é o proceso sinxelo e natural , tal como o fago, con imaxes e procesos auténticos, sen fantasía algunha, como me gustan a min as películas. Non hai moito máis que explicar: vese o proceso de preparación do forno, a elaboración das masas, o afornado, etc, para que as novas xeracións tomen conciencia do traballo que hai detrás de cada fogaza ou bolo de pan«
«Mañá cocemos» é un documental de corte clásico que pretende amosar os traballos que leva a produción caseira de pan para consumo familiar. Coa cámara de Abel percorremos o seu ciclo completo, dende a limpeza e preparación do forno ata o apetitoso resultado final. Unha actividade humana nacida hai miles de anos, fundamental na economía e vida cotiá das familias labregas de sempre, mais que hoxe resulta case imposible coñecer de preto. Mágoa que o vídeo aínda non incorpore o sentido do olfacto para ulir o arrecendo marabilloso a pan recén feito que sae do forno de Abel. De interese especial para todos aqueles que non coñecen o proceso. «Pensei en facer este vídeo porque a xente nova coida que ao mellor o pan sae dándolle au botón e descoñece os traballiños e procesos que leva a elaboración dunha simple peza de pan», afirma este veciño xeneroso e comprometido coa memoria e transmisión dun xeito de vida que esmorece pouco a pouco. Reflectir a autenticidade, este e o obxectivo deste veterano sen complexos e decidido a participar na Chanfainalab ata que o corpo aguante.