Cen años das Irmandadades da Fala

Instante da presentación – Concello de Ferrol

Este mediodía abría as súas portas no 3 andar da Biblioteca Central da Praza de España unha nova proposta cultural, expositiva e bibliográfica, adicada as Irmandades da Fala en Ferrol. Foi inaugurada polo concelleiro de Educación e Cultura, Suso Basterrechea, o catedrático Xosé Dobarro Paz e a responsable das Bibliotecas municipais, Carmen Porta.

Pódese visitar desde o 21 de marzo ata o 26 de maio no 3º andar na Biblioteca central da Praza de España de 9:00 a 21:00 horas.

Componse de 122 obras das que, aproximadamente a metade, pertencen ao Fondo de Interese Local da Biblioteca de Ferrol. Tamén están expostas obras cedidas para esta exposición da RAG e da Biblioteca de Galicia, ademais do Coro Toxos e Froles, a biblioteca ‘Fontenla Leal’ e a Fundación Penzol (Vigo), a biblioteca universitaria de Santiago e as públicas de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago.

Asemade, expóñense obras pertencentes ás coleccións particulares de Guillermo Llorca e Guillermo Escrigas.

Cen anos das Irmandades da Fala en Ferrol

O 18 de maio de 1916 fundábase na Coruña a Irmandade de Amigos da Fala, que sería a primeira das que, pouco a pouco, se foron creando en diferentes localidades da xeografía galega –e non só– ata conformar un movemento con vontade de funcionamento coordenado. Despois de máis dun intento frustrado para botala a andar, o 15 de abril de 1917 tivo lugar o acto fundacional da Irmandade de Ferrol, elixíndose unha directiva composta por Juan Garciaì Niebla, Euxenio Charlón e Francisco Cabo Pastor, presididos por Xaime Quintanilla, nomes todos representados nesta exposición.

Cúmprense, pois, cen anos da efeméride da fundación da Irmandade ferrolá, que a pesar de ter unha corta e irregular vida, conseguiu froitos relevantes, como o feito de ser quen de editar dous voceiros –Galicia (1917-1918) e Boletín Mensual da Irmandade da Fala de Ferrol (1921-1922) e, sobre todo, o de conseguir fundar, en 1921, Céltiga, que sería o primeiro proxecto editorial en galego, cumprindo así cun dos puntos destacados do programa cultural das Irmandades.

A exposición recolle algúns dos 15 títulos publicados por Céltiga, tanto os dous primeiros illados como os 13 que, con numeración correlativa, apareceron entre o 1 de marzo de 1922 e o 13 de xullo de 1923, conformando a colección Novela Mensual Ilustrada.

Eran varias as posibilidades para fixar os marcos desta exposición: humanos, xeográficos, temporais, idiomáticos… Baralláronse todos e, finalmente, optouse por incluír obras relevantes -independentemente da data de publicación e do idioma empregado- de todos aqueles escritores -infelizmente non houbo escritoras-, nados ou residentes en Ferrol, que participaron nas actividades da Irmandade local, así como de ferroláns que participaron nas actividades da causa irmandiña noutras localidades. Pola súa especial relevancia, decidiuse incluír un número importante de obras de Carvalho Calero.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …