O monólogo «A noiva de Don Quixote» inaugura mañá a segunda edición do Festival Singular

Instante da presentación – Concello de Narón

A vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou esta mañá a segunda edición do Festival Sigular, acompañada por intérpretes de diversos monólogos do ciclo que se desenvolverá en Narón, e tamén por directores e autores e directores dalgúns dos espectáculos. O Padroado e a produtora Eme2 organizan un ano máis este Festival do monólogo teatral, que se desenvolverá entre o 10 e o 19 deste mes no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón. O primeiro dos espectáculos dos cinco programados, A noiva de Don Quixote, terá lugar mañá, a partir das 20.30 horas e repetirase o sábado día 11 ás 20.00 horas. Trátase dun espectáculo producido polo Padroado da Cultura de Narón e a produtora Eme2. Marián Ferreiro destacou o éxito da anterior edición do Festival Singular e tamén a calidade dos monólogos tanto do ano pasado como os que os espectadores poderán ver a partir de mañá no Pazo. “Esta iniciativa é unha aposta máis do Padroado da Cultura de Narón por impulsar e visibilizar o traballo de toda esa xente que vive en primeira persoa un traballo nada sinxelo e que esixe dunha gran dedicación, o que valoramos profundamente”, apuntou. A vicepresidenta do Padroado animou á veciñanza a acudir a ver estes monólogos, cuxas entradas poden adquirirse na billeteira do Pazo ou a través da web: www.padroadodecultura.es.

Marián Ferreiro incidiu ademais en que o xénero do monólogo “resulta polo xeral máis atractivo para o público máis xoven, o que nos permite diversificar a oferta de espectáculos que ofrecemos a través do Padroado da Cultura e tamén contar con novos espectadores máis interesados neste tipo de propostas culturais”.

O autor deste primeiro monólogo, José Luis Esteban, acudiu hoxe á presentación do ciclo xunto co director, José Carlos García e a intérprete, a actriz Mercedes Castro. En canto á temática, Esteban destacou o feito de que A noiva de Don Quixote plantexa ao espectador “unha serie de preguntas que nos concirnen agora ao igual que hai catrocentos anos, partindo dunha novela, Don Quijote, infinita”. Sobre o seu traballo, o autor explicou que “o que fixen foi extraer a un personaxe no que Cervantes non repara, Dulcinea, unha muller que está cuestionando a súa identidade, que neste momento é un dos grandes temas a planterxar por parte da sociedade”. Así mesmo, en relación ao citado monólogo, o seu director, José Carlos García, valorou o feito de que a obra “foi un encontro de persoas de diferentes rexións: galegos, aragoneses, extremeños, portugueses…, o que lle permitiu aglutinar diversas enerxías, coa importancia que iso supón para o traballo final”. Por último, a intérprete deste monólogo, Mercedes Castro, subliñou a importancia de iniciativas como este Festival do monólogo teatral. “Paréceme moi interesante arroupar este tipo de proxectos teatrais que se saen das “sitcom” que invaden a día de hoxe o mercado”, apuntou. O prezo das entradas deste monólogo é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para os abonados.

O segundo dos monólogos do ciclo é Desconexión, de Xurxo Cortázar, e terá lugar este domingo, 12 de marzo, ás 19.00 horas. O intérprete, tamén presente na rolda de prensa desta mañá, apostou polo feito de que “este tipo de iniciativas como o Festival Singular se consoliden e vaian a máis, porque isto é un gran escaparate para todas as persoas que nos gusta o teatro a nivel físico e persoal”. Cortázar porase na pel dun monifate con doble personalidade –según vista traxe verde ou vermello- que regula un paso de peóns, unha misión rutinaria da que trata de fuxir alcanzando a liberdade para converterse nun ser humano. As entradas para este espectáculo tamén teñen un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para o resto.

O día 17 de marzo Teatro del Zurdo traerá a Narón El minuto del payaso, co actor Luis Bermejo. Representarase ás 20.30 horas e a temática xira en torno a unha función circense benéfica na que un pallaso agarda a súa quenda para facer ante os espectadores un repaso pola súa vida, espindo a súa alma ante o público. O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para o resto.

Na xornada do 18 de marzo será o turno de Teatro de la ciudad, co espectáculo Medea, que dará comezo ás 20.00 horas. A recoñecida actriz Aitana Sánchez Gijón é a protagonista deste monólogo, que fará unha lectura dramatizada da obra de Séneca, versionada e dirixida por Andrés Lima. Trátase dun formato íntimo no que a actriz, a través de intensas conversas co público, explicará a proposta e compaxinará a lectura e a interpretación, dando voz aos personaxes, entre os que sobresairá Medea. O custe das entradas deste monólogo é de 12 euros para o público en xeral e de 8,40 para os abonados.

Por último, pechará esta segunda edición do Festival Singular a compañía Teatro de Ningures, con Pegadas. O día 19 de marzo a partir das 19.00 horas será o turno de Casilda Alfaro, tamén presente hoxe na rolda de prensa. Non ocultou a actriz a súa “grata sorpresa” polo feito de que se convoquen este tipo de iniciativas porque, dixo, “non é o habitual”. Sobre o seu monólogo destacou que “é algo moi persoal meu, un reencontro con personaxes meus de obras de Teatro de Ningures, e neste caso dirixida por Etelvino Vázquez e coa música de Anxo Graña como fío condutor”. Así mesmo, Alfaro concretou que se trata de “personaxes que voltan á miña memoria e recobran unha nova vida propia con novos matices”. O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para os abonados.

Lea también

Alumnado del CIFP Leixa en Ferrol visita la exposición de maquetas de Carlos Macías

La concejala de Turismo de Ferrol, Maica García, acompañó al alumnado del curso de Animación …