Narón reforza os controis policiais para garantir o cumprimento da ordenanza de residuos e limpeza viaria

As concellerías de Servizos e Seguridade Cidadá, presididas por Ibán Santalla e Guillermo Sánchez Fojo, reforzaron os controis policiais no termo municipal para garantir que a veciñanza en xeral e os propietarios de establecementos comerciais e hostaleiros en particular cumpran a ordenanza de residuos e limpeza viaria. Sánchez Fojo explicou que axentes sen uniforme realizan controis periódicos en determinadas zonas da cidade –nas que se rexistran maiores problemas– e avanzou que a Policía Local xa tramita algunha denuncia, a través da Oficina de Medio Ambiente, por incumprimentos. Esas denuncias, indicou o edil derivarán en expedientes unha vez que avance a tramitación das mesmas.

Pola súa parte, o concelleiro de Servizos recalcou que está totalmente prohibido depositar bolsas ou calquera outro tipo de residuos soltos fóra dos colectores ou na vía pública, tal e como se recolle na citada ordenanza. Así mesmo, Santalla subliñou a obrigatoriedade de depositar os residuos nos colectores axeitados e asignados especificamente para cada tipo de restos, procedendo así a levar a cabo unha recollida selectiva. As sancións estipuladas nas ordenanzas municipais por desatender este tipo de obrigas poden alcanzar os 750 euros, explicou o concelleiro de Servizos.

Así mesmo, outra das problemáticas sobre as que se está realizando un especial control desde hai uns días é o vandalismo. Concretamente, tal e como indicaron os edís naroneses, detectáronse varios casos nos que o lixo dos colectores estaba esparcido pola vía pública e incluso se roubaron varios, maioritariamente na zona rural. Neste caso, asegurou Santalla, as sancións poden alcanzar os 3.000 euros, en función da consideración que dos danos ocasionados se realice no seu momento. Estas infraccións recóllense na Ordenanza de residuos e limpeza viaria do Concello, na que se regulan, entre outros aspectos, os danos ocasionados ao mobiliario ou equipamento urbano destinado á xestión de residuos ou limpeza viaria.

Cinco hostaleiros da cidade –en representación dunha trintena– mantiveron unha xuntanza hai unhas semanas co edil de Servizos, solicitada polo colectivo para abordar este tipo de problemática. Santalla explicoulles a importancia da reciclaxe e tamén destacou a necesidade de pór fin ás situacións nas que non se cumple a normativa establecida ao respecto. Os hostaleiros, pola súa parte, ofreceron toda a súa colaboración ao Concello, o que agradeceu o edil naronés. Esta xuntanza complementa outro tipo de iniciativas impulsadas desde o goberno local, como campañas informativas dirixidas aos hostaleiros e comerciantes locais –aos que se lles enviaron unhas misivas e en colaboración coas empresas Ecovidrio e Urbaser e se lles ofreceron colectores de gran capacidade para vidro-, aos abonados da empresa Cosma, que recibiron unha guía informativa sobre a importancia da reciclaxe e explicando o fin de cada colector e incluso traendo un aula móbil de reciclaxe –a través da Consellería de Medio Ambiente– á Praza de Galicia para informar e concienciar á cidadanía sobre a importancia da reciclaxe.

Desde o goberno local apélase novamente á colaboración cidadá para evitar e denunciar este tipo de condutas. Así mesmo, incídese na importancia de que a veciñanza cumpra coa normativa establecida polo Concello, neste caso en materia de limpeza viaria e civismo, para poder ter unha cidade en condicións óptimas de limpeza, “algo que, coa colaboración de todas e todos poderemos acadar de forma moi sinxela, evitando posibles sancións e gozando dunha cidade limpa e cun mobiliario en boas condicións, que é o que desexamos tanto desde o goberno local como dende a veciñanza”, recalcou Santalla.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …

Un comentario

  1. Martinho Nogueira

    Ya se ve de qué valen estas campañas, ya. Desde el martes a las 5 de la tarde, siendo festivo ayer miércoles, la mayoría de contenedores del centro de la «ciudad», véase zona del Alto del Castaño, Faísca, Ciudad Europa y algún otro punto, a rebosar de bolsas de basura. Vale que la culpa es de los vecinos incívicos, pero vender que se hacen «exitosas campañas» cuando a la hora de la verdad aquí cada uno hace lo que quiere y el aspecto de las calles es lamentable, me parece una falta de respeto y un engaño.