O BNG de Narón lembra que foi a única organización que se opuxo á sinatura do convenio con Acuaes polo saneamento

O responsábel local do Bloque Nacionalista Galego de Narón, Ánxel Rial, considera que a decisión do Goberno central, a través da Sociedad Estatal Aguas de las Cuencas del Norte SA (Acuaes), de lles imputar aos Concellos de Narón e Ferrol máis custes dos inicialmente previstos nas obras do saneamento da marxe dereita da ría dálle a razón á organización nacionalista, que no seu momento votara en contra, tanto na corporación de Narón como na de Ferrol, dun documento que xa naquela altura cualificaba de abusivo e discriminatorio.

Rial lembrou que «na comisión mixta de seguemento das obras celebrada en outubro pasado, Acuaes comunicoulles aos responsábeis municipais de ámbolos dous concellos que, en virtude do asinado no devandito convenio, por mor do retraso na finalización dunhas obras, os interceptores do tramo Cadaval-Xuvia e o engadido do río Inxerto, que deberían estar certificadas ao remate do ano, terán que pagar perto de 5 millóns de euros, repartidos do seguinte xeito: o 68,31% Ferrol e o 31,69% Narón. Isto supón que Narón deberá aboar 1,5 millóns de euros», apuntou.

Rial explicou que a lentitude na execución das obras non é responsabilidade do Concello de Narón, «que non tivo nin voz nin voto na contratacións dos traballos, nin na dirección de obra nin na súa execución». Así, asegurou que «o incumprimentos dos prazos comprometidos debería conlevar a denuncia do convenio e, en todo caso, os concelleiros do BNG en Narón e en Ferrol votaron en contra do mesmo, posicionamento que non foi compartido polo resto dos grupos con representación nos respectivos plenos».

O responsábel local do BNG en Narón apuntou que o convenio con Acuaes incidiu na «política discriminatoria que o Goberno central mantén con esta comarca desde hai moitos anos», e insistiu en que «o saneamento integral da ría foi declarado de interese xeral no ano 1997 e, polo tanto, de competencia exclusiva do Estado». «A realidade é que o Estado non pon nin un só euro no financiamento das obras, repartido nun 77% con Fondos Europeos; un 10% Augas de Galiza, organismo dependente da Xunta, e o 13% restante os Concellos de Narón e Ferrol nun prazo de 45 anos desde a entrega das obras. En definitiva, as obras de interese xeral que noutros puntos do Estado foron financiadas pola administración central están a ser financiadas parcialmente pola veciñanza de ámbolos dous concellos. É unha tomadura de pelo».

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …