A parroquia de Sedes, en Narón, acollerá este sábado unha nova edición da Noite da Luz, unha cita tradicional no calendario festivo da localidade que organizan o Padroado da Cultura de Narón e a Asociación de Veciños “Rosa dos Ventos”, de Sedes.
A convocatoria comezará ás 18.30 horas, coa saída da “Comitiva da Luz” portando candeas desde a capela de Santa Lucía –nas inmediacións da Feira do Trece- ata o cumio do Monte Esperón, por un tramo de aproximadamente un quilómetro. Esta celebración convócase co fin de festexar dun xeito moi particular a chegada do solsticio de inverno, que coincide coa onomástica de Santa Lucía (13 de decembro) e co día de menos luz do ano.
Como é habitual nesta cita, unha vez no Monte Esperón, sobre as 19.15 horas, asistentes a esta peculiar procesión nocturna acenderán trece fachos de grandes dimensións dispostos en forma de círculo, en representación de cada unha das parroquias de Narón, no que constitúe o que se coñece como o prendido da “Roda da Luz”. Unha vez acendidos, os fachos son visibles desde diferentes puntos do municipio.
Trala “Roda da Luz” a programación continuará no Centro Cívico Social de Sedes, donde a partir das 20.00 horas se servirá un petisco comunitario aos asistentes, que poderán ver unha representación teatral a cargo da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes.
A música porá fin a este evento festivo cunha repichoca aberta de música e baile tradicionais que dará comezo ás 20.30 horas, tamén no Centro Cívico Social de Sedes, tal e como se indicou desde a organización.
Este acto representa o compromiso do Padroado da Cultura de Narón e da entidade veciñal “Rosa dos Ventos” coa defensa do patrimonio cultural, á vez que constata a súa aposta pola protección e posta en valor do mesmo.