O alcalde accidental e edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo; a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, e a presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón, Olga Ameneiro, entregaron esta mañá os premios do concurso Mascota Camiño Escolar Seguro, proxecto impulsado desde o equipo de Educación Viaria de Narón, dependente da citada concellería de Seguridade Cidadá. Javier Martínez Dopico, de 8 anos e alumno do colexio Ponte de Xuvia recibiu o premio polo nome da mascota, que será Pegadas, e Irene Navidad Chas, de 11 anos e alumna do colexio de Piñeiros, recibiu o premio polo debuxo da mascota, un cempés.
Ambos recibiron como agasallo unha sudadera co logo do certame e tamén unha tableta gráfica. Sánchez Fojo e Mercedes Taibo agradeceron a colaboración da comunidade educativa e dirección dos centros, así como a dos alumnos e das alumnas que participaron no concurso. Ao acto celebrado hoxe asistiron tamén familiares dos gañadores e Pedro Caneiro, Sonia López, Simón Cabarcos e Anabel Bello, do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón.
A edil de Ensino, Mercedes Taibo, animou ás familias a participar nas propostas presentadas hoxe en materia de educación viaria e impulsadas desde o goberno local.
«O Concello de Narón leva moitos anos traballando a prol da seguridade cidadá pero sobre todo das rapazas e rapaces nos colexios», apuntou o alcalde accidental. Así mesmo, destacou a importancia de chegar aos centros escolares «coa máxima seguridade», e avanzou que o goberno local continuará traballando con esa finalidade. Ao respecto, Sánchez Fojo avanzou que o Concello ultima os Camiños escolares seguros, unhas rutas inferiores a un quilómetros para realizar a pé e que se prevén iniciar en xaneiro nos colexios de Piñeiros, Ponte de Xuvia e Jorge Juan. «En cada un deles haberá dúas rutas, sinalizadas dunha cor distinta cada unha e con sinais verticais e pintadas no chan, para que en todo momento os nenos e as nenas saiban o percorrido», apuntou. No referente a estes tramos, Pedro Caneiro indicou que se informará da distancia que queda para chegar aos centros escolares e do tempo e das calorías consumidas. Os nenos e nenas interesados en participar teñen que inscribirse nos seus propios colexios, onde se lles entregará un carné de participante e un chaleco. No referente á colaboración Caneiro apuntou tamén que a Deputación da Coruña participará no deseño dunha aplicación sobre estes Camiños seguros que se presentará en canto estea operativa.
O proxecto contou desde o inicio coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Narón, representada hoxe pola súa presidenta, Olga Ameneiro, e tamén doutros empresarios de Narón que facilitaron unha serie de agasallos –tamén o Concello, a través de Mocidade e do Padroado da Cultura- aos que optarán os participantes no Camiño Escolar Seguro. A todos eles Sánchez Fojo agradeceu a súa implicación nesta iniciativa. Sobre estes camiños, Pedro Caneiro puxo como exemplo o de Piñeiros, donde os tramos partirán das inmediacións da rotonda de Megasa e da rúa Álvaro Paradela cara ao centro. Os rapaces e as rapazas que participen irán sumando puntos que logo poderán canxear polos diversos agasallos que se poderán consultar na páxina web da Asociación de Comerciantes de Narón, tal e como indicou Ameneiro, que destacou a importancia de desenvolver este tipo de iniciativas e animou aos empresarios da localidade a implicarse nas mesmas.
A maiores, os establecementos colaboradores que se atopan por estes camiños estarán identificados cunha pegatina de Tendas amigas do camiño, e facilitarán axuda aos nenos e nenas no caso de que o precisen.
Así mesmo, Sánchez Fojo avanzou tamén que o Concello impulsará un proxecto pioneiro, o Bica e arrinca, co que se aposta, explicou, «por reducir a presenza de vehículos nos centros escolares e favorecer camiños seguros para ir ao colexio». A proposta comezará nos colexios da Solaina, O Feal, Piñeiros, Ponte de Xuvia e Jorge Juan e consistirá na instalación de sinalización de paradas en torno aos centros para parar o coche, sen estacionar, e darlle un bico de despedida aos nenos e nenas. A reserva será de luns a venres de 8:30 a 9:10 horas e o éxito da proposta está supeditado, subliñou o edil, «a que as familias se comprometan coa iniciativa e eviten circular ou aparcar nas inmediacións dos colexios».
Finalmente, indicou Sánchez Fojo, «estamos a traballar noutro tema complicado e ás veces algo conflitivo, que son os estacionamientos disuasorios nos contornos dos centros escolares». «Estes proxectos implantaranse progresivamente en todos os centros escolares de Narón», tal e como avanzou Sánchez Fojo, que incidiu en que na actualidade «nos centros escolares de Piñeiros, Ponte de Xuvia, A Solaina, Jorge Juan e do Feal hai atascos e outros problemas que queremos intentar solventar en materia de seguridade viaria».
No caso de Xuvia habilitaranse sesenta prazas xunto á estrada de Castela, a escasos metros do colexio, e nos de Piñeiros e A Solaina hai dous espazos de 6.000 e 10.000 metros cadrados tamén para eses aparcamentos disuasorios, explicou. «Non é sinxelo porque cando queres cambiar unha norma, e as da socidade cambian moito, non é fácil, pero é de agradecer toda a colaboración posible», subliñou.