Os portavoces municipais do Bloque Nacionalista Galego dos concellos de Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño mantiveron onte unha xuntanza para abordar o xeito de desenvolver a rede de saneamento en zonas rurais limítrofes que aínda non dispoñen deste servizo coa implicación do ente público Augas de Galiza.
Nun hábitat disperso como o noso, as infraestruturas do saneamento agochan certa complexidade técnica por mor de fortes condicionantes como a orografía. Nos últimos tempos executáronse diversas obras que permitiron –ou van permitir- ofrecer ese servizo a un número importante de veciños e veciñas.Porén, existen aínda puntos nos que, nuns casos, non se puideron levar adiante actuacións que xa contan cun proxecto, ou que ficaron fóra dos programas de extensión da citada rede.
Os representantes do BNG nestas corporacións analizaron o estado no que se atopa o saneamento en determinadas zonas limítrofes entre Narón, Valdoviño, Neda e San Sadurniño. Nalgún destes casos –por exemplo, a zona da Portela, entre San Sadurniño e a parroquia naronesa de Pedroso- xa existe proxecto, polo que cun compromiso de investimento por parte de Augas de Galiza sería factíbel nun curto espazo de tempo. Outras están condicionadas por estradas de titularidade autonómica.
marxe das características e do estudo da opción máis axeitada para cada caso, os voceiros municipais do BNG nos Concellos de Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño cren que debe ser unha prioridade ampliar a rede de saneamento á maior parte da veciñanza que vive nas zonas limítrofes.
Así, consideran crucial a participación de Augas de Galiza, que, hai que lembrar, nos últimos meses xa achegou partidas económicas importantes para o desenvolvemento de proxectos noutros concellos galegos a través da subscrición de convenios. Ningún deles, por certo, nos concellos de Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño.